Aurelio Fernández Joglar, empregado de Alcoa en San Cibrao, foi seleccionado entre todos os empregados da multinacional no mundo, para recibir o premio que recoñece a súa alta participación en labores de voluntariado promovidas por Alcoa. Este Recoñecemento está dotado cun premio económico de 1000 dólares, ademais do correspondente Certificado.
As tarefas que realizou Aurelio como voluntario abarcan todos os campos, desde os relacionados co medio ambiente, como limpeza de ríos e praias, colaboracións con diferentes asociacións e entidades como colexios, residencias para maiores, etc, ata os relacionados co deporte. Toda unha ampla gama de actuacións que serven para deixar claros o compromiso, a solidariedade e os valores humanos de Aurelio, que o fan sen ningunha dúbida merecedor deste premio.
E para deixar patente o nivel de compromiso e o altruismo de Aurelio coas Asociacións da súa contorna, decidiu doar o total do premio á Asociación de senderismo Pasada dás Cabras de Burela, coa que colabora habitualmente formando parte da directiva da Asociación. A donación, que se fixo efectiva durante a cea anual celebrada o pasado fin de semana, supuxo un motivo de orgullo para todos os integrantes de Pasada dás cabras, ao poder contar con Aurelio entre os seus membros.
*Foto: Aurelio entrega o cheque de 1.000 dólares ó presidente de Pasada das Cabras, José Antonio Armesto.