Tras varios anos sen celebrarse, volve celebrarse a Carreira Popular de Reis en Barreiros con novos organizadores que agardan seguir coa tradición de empezar o ano con bo pé.
A cita desenvolverase o domingo 4 de xaneiro con saída no campo de fútbol do Cascabeiro a partir das 11.00 horas para as categorías infantís. Pola súa banda, a carreira de adultos desenvolverase a partir das 12.00 horas. A entrega de trofeos terá lugar a partir das 13.15 horas.
Esta proba servirá para render unha pequena homenaxe a “EL CHE”, “o runner máis grande da Mariña lucense e Occidente asturiano”, que tivo que abandonar a práctica deste deporte por problemas de saúde.
Coñecido por tódolos amantes deste deporte e das carreiras populares desta zona e de Asturias, El Che ten dentro dos seus méritos deportivos, haber participado en 14 maratóns cunha mellor marca de 2 h 39 min 1 seg, nunha carreira de 100 km., nun arrebato de xenialidade ir correndo nunha soa etapa dende Barres (Asturias) ata Guitiriz (Lugo) nun tempo de 11 horas e noutra ocasión dende Barres ata Santiago de Compostela en 21 h., case 200 km., ademais de atesorar unha marca en media maratón de 1 h 9 minutos, marcas inalcanzables para a maioría dos mortais.
3º da xeral na media de Pola de Siero (1h 11m), 3º da xeral e do campionato de Asturias de fondo (Oviedo-Gijón), 2º da categoría e 6º da xeral na media de Avilés, 1º da categoría e 9º da xeral no maratón de Xixón, 2h 39m 11seg no maratón de San Sebastián, campión de Asturias de fondo xuvenil, ademais de gañar en numerosas carreiras populares de Asturias e Galicia.
Con esta pequena homenaxe, queremos recoñecerlle todo o que El Che lle deu ó atletismo e ás carreiras populares.
Xunto a el farán o corte da cinta de saída os creadores orixinais desta Carreira Popular de Reis, os membros das Escolas Deportivas A Mariña Oriental.
Comida poscarreira
O Café Bar Moderno acollerá unha comida poscarreira opcional que contará cuns prezos de 10 euros para adultos e 5 para nenos e nenas de ata 12 anos.