Foz, 12 de decembro de 2014. O Concello de Foz entrega libros de Os Bolechas aos alumnos dos colexios do municipio e a cambio solicítalles a doazón dalgún produto para o banco de alimentos. Anunciouno este venres a concelleira de Educación e Servizos Sociais, Mercedes González Alonso.
“Dende o Concello de Foz estamos a levar a cabo a campaña Un libro, unha lata. Consiste en que a todos os nenos dos colexios do concello se lles reparte un conto de Os Bolechas e pídeselles a cambio que aqueles que poidan entreguen algún produto para o banco de alimentos”, explicou Mercedes González, quen engadiu que “nestes tempos temos moita necesidade xa que a demanda é moi grande. No banco de alimentos de Foz hai moita falla de leite, galletas, cacao, aceite, azucre, tomate frito, conservas en xeral, zumes, produtos de hixiene e de limpeza”.
A concelleira comentou tamén que “o libro que se entrega aos pícaros dunha forma totalmente gratuíta titúlase Os Bolechas van á Mariña lucense, unha publicación que se fixo dende a Mancomunidade coa colaboración de todos os concellos. Nestas datas hai moita solidariedade e fanse moitas campañas para favorecer aos máis necesitados, pero a necesidade dura todo o ano. Non nos esquezamos deles”.
Mercedes González rematou desexando felices festas.