Un destes días do Nadal ás beiras do Landro, traballadores e traballadoras da piscina municipal, acompañados de numerosas veciñas e veciños, entre os que nos atopabamos os concelleiros do BNG, manifestáronse na Praza Maior, baixo o lema, por unha piscina para tod@s.
A piscina municipal, estivo durante 10 anos xestionada por unha empresa privada, rematada a concesión, practicamente sen control municipal de ningún tipo, atopáronse numerosas deficiencias nas instalacións, que houbo que reparar, e que provocaron o peche temporal das instalacións durante varios meses, no ano 2010.
O goberno socialista, a través da empresa municipal e pública, Turviveiro, que naquel momento se encargaba tamén da xestión do Porto Deportivo, asume a xestión da piscina municipal. Turviveiro contrata aos traballadores procedentes da empresa concesionaria, sen proceso de selección de ningún tipo, cunha total opacidade e ponse de novo en funcionamento.
Dende a reapertura, a xestión levada a cabo polo goberno socialista, foi nula. Predominan a deixadez e o abandono, cunha xestión inútil, que levou á empresa a números vermellos de forma continuada, e con perdidas cada vez máis altas. Non se realiza ningún plan de viabilidade económica ou para incremento de abonados, non se escoitan as propostas e ideas dos traballadores para facela máis eficiente e rentable, non se buscan novas fontes de ingresos e por momentos nin sequera se achegan ás instalacións para atender as demandas dos empregados e usuarios. É dicir, máis que xestión, acometeron unha desfeita absoluta coa piscina municipal.
Nestes días de nadal, a Presidenta de Turviveiro, Sra. Viamonte, e a Alcaldesa María Loureiro, encheron os xornais como se dun conto de nadal se tratara, nunha aposta pola “xestión pública” e garantindo que non se pechará a instalación. Os contos, de nadal son iso, contos. Queren manter a xestión pública da piscina municipal, pero son incapaces de xestionala de forma eficiente, son incapaces de demostrarlle ao poder económico, que a xestión pública dos recursos, garante mellores prezos para os cidadáns, mellores condicións para os traballadores e máis recursos para todos.
Se o día 1 de decembro de 2015, como obriga a nova lei do PP, se disolve Turviveiro, quedan dúas opcións, concesión a unha empresa privada para a súa xestión, ou de autorizalo o goberno estatal, a xestión pública directa do Concello, mediante a contratación de traballadores nun concurso público. Nós apostaremos pola xestión pública con toda claridade, e isto defenderémolo onde faga falta.
Vostedes gobernantes do PSOE, coa súa desastrosa xestión económica do concello e de Turviveiro, están provocando a primeira das opcións. O que suporá a privatización, o incremento das tarifas e a precariedade laboral dos traballadores. E isto xa non será un conto, será a súa responsabilidade.
Bernardo Fraga
Portavoz Municipal do BNG.