Cervo, 12 de xaneiro de 2015- O Concello de Cervo informou este luns de que investiu 75.203 euros nos tres últimos anos para dotar a Trasbar dunha rede completa de saneamento. Un proxecto que se realizou en catro fases debido á grande extensión do núcleo, tendo en conta que o obxectivo do Concello, o promotor destas obras, era que todo o burgo contase con este servizo básico.
O edil de Zona Rural, José Ramón Soto, e a edil de Obras, Pilar Armada, destacaron estes datos na visita feita á zona esta mañá xunto á vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, a quen lle agradeceron a colaboración do Goberno Provincial, que achegou 38.100 euros en tres anos (o 33% do orzamento), pero lamentaron que a contía non fose superior e que o Concello tivese que achegar a maior parte, 75.203 euros (o 66% do total) nun orzamento de 113.303 euros.
Soto asegurou que “botamos en falta un maior esforzo da Deputación, sobre todo tendo en conta que este proxecto incluíase no Plan de Obras e Servizos que esta administración ten con todos os municipios da provincia”. Ao mesmo tempo, o edil de Zona Rural tamén recordou que “Cervo non é beneficiario de ningún convenio especial dos que a Deputación mantén con moitos concellos da provincia” e lembra que “a cooperación cos concellos é a función principal das deputacións”.
En canto á obra de saneamento de Trasbar, Soto asegurou que “era un proxecto fundamental, xa que estamos acercando servizos á zona interior do noso concello, e que van encamiñados ao benestar e á mellora da calidade de vida dos nosos veciños”.