Madrid, 27 Marzo de 2015.- Nunha resposta do Ministerio de Fomento á deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, fica claro que non se fixeron investimentos na deficitaria liña de FEVE na Galiza, e que non hai un Plan concreto con prazos temporais e investimentos para mellorar unha conexión necesaria.
A deputada do BNG dirixiuse ao Ministerio en numerosas ocasións debido ás importantes deficiencias e problemas que existen na liña de Feve en Galiza. De feito, na última proposición non de lei presentada instaba ao Goberno á realización dun estudo sobre as necesidades horarias e de frecuencias para adecuar os servizos ferroviarios ás necesidades laborais e sociais dos habitantes da zona, e poder conectalos adecuadamente cos de Renfe.
Rosana Pérez alertou en moitas ocasións do alarmante deterioro e abandono desta liña ferroviaria, do material rodante, da infraestrutura en xeral e da falla de mantemento das trincheiras adxacentes para rematar cos continuos problemas que se rexistran nestes servizos. Algo que nunca se aborda como se evidencia nesta resposta do Goberno ao BNG.
As trincheiras non se limparon, as avarías son continuas e os retrasos e supresións de servizo a “tónica dominante”
Fomento nada concreta e limítase a indicar que “no relativo á infraestrutura diseñouse un Plan de Acción de mellora da infraestrutura que contempla actuacións en trincheiras, na vía e nos cadros de marcha”. Pero non detalla nin datas nin orzamentos nin prazos de execución. Co cal, denuncia a deputada do BNG, “estamos no de sempre. Boas palabras e nada máis, e a liña de Feve que comunica Ferrol coa comarca de Ortegal e A Mariña cara Asturias permanece en estado de abandono”.
Rosana Pérez pón de manifesto que a pesar dos “nosos continuos requerimentos e das queixas dos usuarios, “os retrasos son o pan noso de cada día”. Na mesma liña, destaca as constantes avarías de trens de Feve que se producen e que obrigan ao traslado de viaxeiros en buses ou taxis. “No que vai de ano xa se suprimiron en varias ocasións servizos debido a avarías, co correspondente gasto que isto implica por ter que trasladar a viaxeiros en medios de transporte alternativos”. Pón como exemplo o sucedido o pasado 10 de febreiro.
De feito, nesta resposta á deputada do BNG, Feve desvela o elevado número de reclamacións que fixeron os usuarios en 2014: “En 2014, os clientes presentaron 219 reclamacións polos retrasos dos trens”.
Rosana Pérez tamén advertiu en diversas ocasións das deficiencias en materia de mantemento, sobre todo no que atinxe ás trincheiras adxacentes que son “pasto da falla de conservación. Están totalmente abandonadas desde hai dez anos e case cubertas de maleza”. O Ministerio, subliña, nada fixo ao respeito “limitouse a cortar árbores pero non levou a cabo traballos de limpeza. Precisamente, en vez de resolver este problema o que fixo Feve foi aumentar os tempos de viaxe. Así de Ferrol a Ortigueira que se facía nunha hora e dez, agora faise nunha hora e vinte”.
A deputada do BNG responsabiliza a Fomento “da desfeita dunha liña necesaria que podería funcionar como un servizo de cercanías pero que está totalmente abandonada”.