Cervo, 17 de marzo de 2015- O Concello informou este martes do inicio das obras para acondicionar unha parcela de 600 m2 na zona da ría de San Cibrao como aparcadoiro público. O goberno local asinou un convenio co propietario dese terreo para poder utilizalo para este fin.
Desta forma, o dono cédelle a parcela ao Concello de forma gratuíta e temporal, por un período de 5 anos, para que o destine a aparcadoiro público. Isto permitirá crear 20 novas prazas nesa zona, que serán de utilidade tanto para os residentes como para aliviar a carga de tráfico e favorecer a actividade comercial nunha área con importante presenza de establecementos.
Os traballos para converter a parcela nun espazo para aparcar finánciaos o Concello, e teñen un custo de 3.000 euros. O edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, acompañado de técnicos municipais, achegouse ata o lugar para supervisar o inicio das obras.
“En pouco tempo teremos unha área dedicada especialmente a estacionar, nunha zona accesible e próxima a todos os comercios da ría, que tamén está pensado para os residentes, e que ampliará o número de prazas para aparcar que xa existen”, explica Soto, que destaca o carácter comercial e de lecer desta zona, polo que “todas as melloras que se realicen repercutirán de forma positiva no seu desenvolvemento e na economía local”.