As condicións meteorolóxicas permitiron que á terceira fora a vencida. De nada lle serviu ao Cerceda o aprazamento do partido da vixésimo primeira xornada que debería terse celebrado no Pepe Barrera o domingo 18 de xaneiro. Despois de terse aprazado nunha ocasión por mor das malas condicións do terreo de xogo certificadas por técnicos da Federación, o mércores 11 de marzo ambos equipos disputaban o encontro con vitoria para os locais.
O Ribadeo FC conseguía deste xeito sumar 3 importantes puntos para acadar a permanencia na Terceira División; a pesar de que o Cerceda se plantaba en Ribadeo disposto a todo. A pesar de que os visitantes marcaban a posesión do balón, os celestes -que só perderon un partido no Pepe Barrera no que vai de temporada- souberon pechar os espazos.
Aproveitando unha xogada a balón parado, Miguel Gomes marcaba para os celestes. Foi na primeira media hora de partido tras un saque de córner de Javichu.
Co Cerceda buscando o gol do empate continuaba a primeira metade e tamén con ese guión se desenvolvía a segunda na que os locais traballaban por aguantar o resultado. Foi nos últimos dez minutos cando Uxío marcaba o gol do empate; pero, xa no tempo de desconto, Rafa Casanova transformaba un penalti que lle outorgaba a vitoria ós mariñáns.
Deste xeito, o conxunto celeste aproxímase á permanencia grazas ós 43 puntos que suma. E o vindeiro domingo 15 de marzo medirase ó Silva para intentar sumar de novo.