Burela, 15 de abril de 2015. Todas as zonas de baño de Burela acadaron a cualificación de excelente no 2014, excepto a praia de Penaoural. Así se recolle na clasificación sanitaria final das zonas de baño, emitida pola Xunta de Galicia.
A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, sinalou que “as nosas praias: Ril, A Marosa, O Portelo e O Cantiño obtiveron a cualificación sanitaria de excelente, mentres que na de Penaoural foi insuficiente”.
A edil popular subliñou que “a boa calidade da auga axudounos a que o ano pasado conseguísemos unha bandeira azul máis para a praia de Ril”.
López Eijo indicou que “estamos a traballar para conseguir mellorar a calidade da auga desta praia, da de Penaoural. Para iso está en proxecto a construción dunha nova depuradora, o que posibilitará mellorar a calidade da zona de baño en Penaoural. O proxecto xa está encamiñado, porque a Xunta incluíuno nos Fondos Europeos FEDER 2014-2020”.
O alcalde, José Mª González Barcia, lembrou que “en 2011 atopámonos co emisario completamente roto e con moitas fugas. No seu arranxo realizouse un investimento de 30.000 euros. Eses problemas xa se coñecían porque no 2010 a praia do Portelo estivo pechada para o baño durante varios días”.
O rexedor engadiu que “desde o 2011 todos os anos se revisa o emisario e as posibles deficiencias que presenta arránxanse”.