Xove, 15 de abril de 2015.- Preséntase un novo número d’O Aguillón, que resulta ser o número 19 desde que comezáramos a poñer negro sobre branco as propostas e reivindicacións do nacionalismo galego en Xove para darllas a coñecer a toda a nosa veciñanza. O Aguillón naceu no ano 1992 en contraposición á Revista de Información Municipal editada polo Concello, unha publicación propagandística creada polo Goberno local da época. Dezanove números despois, témoslle que dar as grazas á cidadanía xovense pola grande acollida da nosa publicación (cada vez máis demandada nos fogares do noso municipio). Tamén é obrigado agradecerlle ás persoas afiliadas e simpatizantes do BNG as suxerencias que nos foron facendo, edición tras edición, para irmos mellorando o noso voceiro municipal tanto na calidade como na cantidade, e que tamén nos obriga a traballar arreo no eido institucional con iniciativas a prol da maioría social do noso concello.
Desta volta, dende a portada d’O Aguillón invitámosvos a asistir á PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA DO BNG DE XOVE, que terá lugar no Salón de Actos o vindeiro venres día 17 de abril ás 20h25. Despois do acto celebraremos unha CEA NO RESTAURANTE MEDULIO (PUMARIÑO) polo módico prezo de 15 euros, para a que xa confirmaron a asistencia medio cento de persoas. Quen se queira apuntar aínda está a tempo de facelo a través das redes sociais, do enderezo electrónico bngxove@gmail.com ou ben chamando ao teléfono 657215770.
Xuntamos a continuación tanto o número 19 (ano 2015) como o número 1 do Aguillón (ano 1992), así como o primeiro bosquexo do noso voceiro datado no mes de febreiro de 1991, onde xa se denunciaba a falsidade dunha promesa do PP (o encoro do Torrillón na Rigueira).