RIBADEO, 24 DE ABRIL DE 2015.- O programa de gobernabilidade que está elaborando o PSOE de Ribadeo incluirá a construción de parques para cans, instalacións que xa hai en moitas localidades, aínda que de momento non existen nesta zona. Este venres o candidato socialista á alcaldía ribadense, Roberto Ramos Piñeiro, e outros membros da lista, como David Fernández Feijoo ou Camilo Vázquez Corveiras, visitaron a parte traseira da avenida Rafael Fernández Cardoso, que é un dos lugares que barallan para a construír un dos canís.
Roberto Ramos explicou que “dentro das propostas que incluiremos dentro do noso proxecto de gobernabilidade está a construción de canís, parques para cans que poderían situarse en lugares como as explanadas que hai na parte de atrás da avenida Rafael Fernández Cardoso, zona que visitamos hoxe porque é unha das alternativas que barallamos para crear unha instalación dese tipo. Cremos que é un tema moi importante, xa que os cans, debido ao comportamento incívico de moitos dos seus donos, están xerando que haxa moitos excrementos polas rúas. Respecto a este tema seremos contundentes ao sancionar os comportamentos incívicos dos propietarios dos cans. Cremos tamén importante dotar ao punto limpo de Ribadeo das infraestruturas básicas necesarias para atender debidamente aos animais abandonados ou maltratados. E haberá unha ordenanza municipal para sancionar tanto o abandono como o maltrato animal e será a Policía Local a que atenda as denuncias nesta materia e reubique ao animal cando sexa necesario. Fomentaremos tamén a creación dunha asociación para a defensa dos animais nun futuro próximo”.
Seguridade cidadá
O alcaldable socialista en Ribadeo avanzou ademais asuntos relativos ao tráfico e á seguridade cidadá que incluirán no programa: “cremos que é moi importante tamén impulsar unha maior presenza da Policía Local nas rúas con máis afluencia de xente en Ribadeo e no entorno dos centros educativos, para evitar o absentismo escolar, o acoso, o consumo de drogas, a violencia, o acoso na rede e a violencia de xénero. E tamén ampliaremos a vixilancia nocturna. Substituiremos cando sexa posible as sancións económicas por traballos sociais que redunden en beneficio da comunidade e impartiremos, a través da Policía Local, programas de seguridade viaria nos centros educativos. Desenvolveremos e executaremos un plan de ordenación do tráfico, xa que agora mesmo hai moitos problemas neste aspecto, debido en parte as peonalizacións que se fixeron e que non levaron consigo unha reordenación do tráfico axeitada. Melloraremos a sinalización viaria e valoraremos a posta en marcha de novo da rede semafórica.
Tamén destinaremos parte da recadación por sancións de tráfico a medidas para mellorar a seguridade viaria urbana e impulsaremos os camiños escolares seguros para garantir a seguridade no desprazamento entre os centros e os domicilios dos nenos e nenas. Habilitaremos novas zonas de aparcamento e redeseñaremos os pasos elevados para a redución da velocidade, acompañados con bandas rugosas. Tamén temos a idea de habilitar prazas de aparcamento para taxis, o que nos foi solicitado polos taxistas, nas inmediacións da estación de autobuses, da praza de abastos e da praia das Catedrais”.
Roberto Ramos engadiu que “outro tema importante é o da mendicidade, polo que faremos un programa para atender a aquelas persoas que están nesa situación. Estudaremos caso por caso e actuaremos en colaboración coas institucións e asociacións oportunas. Tamén potenciaremos a autonomía dos grupos sociais sen acceso ao automóbil, de forma que se faga posible a mobilidade de nenos e nenas, persoas con discapacidade, con baixa renda, maiores ou as que non desexen depender do vehículo motorizado. Farémolo mediante axudas, abonos e fomento do transporte compartido”.