Ribadeo, 16 de abril de 2015.- O Concello acolleu unha xuntanza á que asistiron os portavoces municipais, os técnicos do Concello e de Eptisa para seguir avanzando no PEPRICH. O alcalde, Fernando Suárez, explicou que o que están a estudar son as alegacións presentadas a este plan de protección do conxunto histórico de Ribadeo e os informes remitidos ao Concello pola Xunta e polo Estado relativos a este documento.
O rexedor contou que “no día de hoxe todos os portavoces da Corporación e máis os técnicos tanto do Concello como da empresa redactora Eptisa seguimos traballando nunha xuntanza para continuar avanzando na redacción e na tramitación do plan especial de protección e reforma interior do conxunto histórico, o que se coñece como PEPRICH, despois de que xa estean aquí desde hai semanas os últimos informes sectoriais pertinentes. Hai que ter en conta que varias administracións tiveron que obrigatoriamente facer informes: de Patrimonio, da Xunta, de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente, de Medio Rural, da Deputación Provincial de Lugo, etcétera. E unha vez que todos os informes están aquí estamos contrastando tamén coas alegacións que todo o mundo fixo durante o longuísimo espazo de tempo que se deu para que todos puideran informarse, consultar e alegar o que estimaran oportuno”.
Suárez Barcia indicou que “a idea do goberno e do resto da Corporación, como non, é seguir tramitando e avanzando na mesma liña que fomos facendo co plan xeral de ordenación municipal, que xa desde hai uns meses está en vigor. E a ver se somos capaces de que, canto antes mellor, tamén poidamos ter aprobado e en vigor o plan especial do conxunto histórico”. E lembrou que “nestes últimos anos estívose e estase producindo un gran avance na rehabilitación das vivendas do conxunto histórico, por intensidade na acción deste goberno municipal con algúns propietarios que tiñan os inmobles un tanto descoidados e supoñían un perigo para a seguridade e o ornato públicos. Pero o que queremos é seguir avanzando e ademais con instrumentos legais, como o plan especial de protección, onde se permitan máis cousas que o significa a propia rehabilitación, que está ben pero é evidente que tamén hai solares vacantes nos que se debe e se pode construír. E estamos entre todos buscando a maneira máis coherente, mellor, máis estética e máis funcional para que isto sexa así, para que finalmente o conxunto histórico de Ribadeo sexa tamén unha riqueza patrimonial, como sempre foi e como queremos que siga sendo”.