Coa intención de expoñerlle ó electorado as nosas propostas para Alfoz o pasado sábado 16 de maio, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz, celebrouse un acto público, coa intervención de Xabier Pardiñas, candidato á alcaldía. Ademais contouse coa intervención de Eduardo Rega, empresario local, e Soles Carnero, educadora infantil, ambos veciños de Alfoz.
Aparte de falar do programa, Xabier Pardiñas, expuxo que “a xente que formamos VIA estamos facendo unha campaña en positivo, sen entrar el liortas inútiles, sen ir contra ninguén, pois mirando para atrás non imos solucionar nada”.
Durante a súa intervención Xabier Pardiñas recalcou que non nos debemos esquecer da xente xoven e que “para garantirlle un futuro a Alfoz debemos conseguir recursos alí onde os haxa, aprender de iniciativas que hai noutros concellos que están funcionando e poñelas en práctica aquí, coa xente nova, coa xente de Alfoz. Pero para iso hai que moverse, buscar ideas, asesoramento, inversións… Isto non pode ser unha consulta médica, onde os veciños e veciñas de Alfoz van chorar as súas penas e ó final recetámoslle uns coidados paliativos. Asfaltámoslle a aira, poñémoslle unha farola ou colocámoslle o fillo a traballar no concello, e se pode ser unha semana antes das eleccións mellor que mellor. Iso non é futuro para Alfoz. Iso son coidados paliativos para un enfermo terminal e Alfoz ten moita vida. Iso é o que temos que cambiar, vós, a xente nova que estades aquí, pais da xente nova que aínda estades aquí, avós de xente nova que aínda estades aquí, sodes os que tedes nas vosas mans que en Alfoz haxa un cambio. E para que o mundo cambie temos que empezar por cambiar nós mesmos”.
Para presentar ós veciños que falaron no mitin Xabier Pardiñas recordou que “nós non temos presidentes e deputados que nos veñan aquí falar da obra e milagres dos seus partidos. Nós temos única e exclusivamente veciños, xente que sabe o que pasa aquí, veciños e veciñas que saben o que necesita Alfoz. E algúns deles ofrecéronse a falar, a dar a súa opinión, ofrecéronse a dicirvos que Alfoz ten Futuro”.
Tras esta intervención os asistintes escoitaron a Eduardo Rega e Soles Carnero, quen deron a súa opinión persoal sobre o futuro de Alfoz.
Para rematar o acto Pardiñas envioulle unha mensaxe ós asistintes dicindo que “queremos ser a vosa ferramenta para conducir os destinos de Alfoz, podemos selo se nos dades a vosa confianza e saberemos selo se temos a responsabilidade de goberno. En Alfoz hai futuro e ese futuro será aquel que vós queirades que sexa”.