Santiago, 10 de setembro de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este xoves que a Xunta avanza no seu compromiso coa mellora da sanidade pública, xa que o Consello vén de habilitar un investimento de 12,8 millóns de euros para iniciar o proceso de contratación da primeira fase da ampliación do Hospital da Costa.
Como destacou Feijóo, ao longo dos últimos anos, pese ás limitacións económicas impostas pola crise, o Goberno galego deu mostras dabondo do seu compromiso coa mellora das infraestruturas hospitalarias, pero faltaba por desbloquear unha actuación especialmente agardada, como era a ampliación do Hospital Público da Costa.
O mandatario galego incidiu na importancia desta actuación debido á necesidade de adaptar a principal infraestrutura sanitaria da Mariña luguesa á súa realidade e salvar as deficiencias evidentes que sofre desde hai tempo. “Nos comprometemos a licitar esa obra antes de que remate o ano 2015; en setembro desbloqueamos o crédito, e eu espero que nas vindeiras semanas poidamos licitar a ampliación” deste centro, afirmou Feijóo.
Un terzo máis de superficie
Así, tras o acordo adoptado este xoves, a Xunta conta xa co crédito necesario para poder licitar as obras nas vindeiras semanas, de acordo co compromiso adquirido de iniciar ese procedemento este ano 2015. Grazas a este crédito, poderase ampliar o hospital nun terzo da súa superficie actual: contando con 6.000 metros cadrados máis de superficie sobre os 17.600 cos que conta actualmente.
Por tanto, engadiu, “estamos ante unha actuación importante para dar unha resposta como demos noutras vilas e noutras cidades aos usuarios dos hospitais, e isto é bo para a sanidade pública da Mariña e para a sanidade pública de Galicia”. Segundo precisou, trátase dunha actuación fundamental para a Mariña que permite desbloquear unha ampliación necesaria para que esta área sanitaria poida dispoñer dun hospital público moderno e adaptado ás necesidades dos usuarios e dos profesionais desta zona.
De feito, como lembrou o titular da Xunta, o hospital tíñase quedado pequeno para dar resposta ás demandas actuais, especialmente por unha escasa unidade de diálise, consultas externas insuficientes e pola necesidade de renovar parcialmente e ampliar a área de hospitalización. Por iso, o proxecto terá como principal obxectivo mellorar as capacidades de espazo nestas áreas.
O compromiso da Xunta coa sanidade pública
Por outra banda, Feijóo puxo de manifesto que tamén se trata dunha actuación fundamental para Galicia, que demostra que o Goberno galego foi capaz de completar en plena crise o impulso de modernización das infraestruturas hospitalarias de Galicia.
Así, aparte da tramitación para a ampliación do Hospital da Costa, o presidente lembrou que a Xunta rematou e entregou o Hospital Público de Lugo; impulsou o maior hospital público feito en España nos últimos anos, que é o de Vigo; completou a ampliación do Complexo Hospitalario da Coruña; está a levar a cabo as obras da ampliación do Hospital Público de Ourense; xa ten en proceso de licitación o Hospital Público do Salnés e mantén o compromiso co novo Hospital Público de Pontevedra, á espera de poder contar cos terreos por parte do Concello.