O Consello da Xunta autorizou hoxe un total de quince convenios de colaboración en materia de augas por un importe de preto de 7,6 millóns de euros (7.592.969 euros).
Catorce destes acordos correspóndense coa execución de proxectos de saneamento e abastecemento noutros tantos concellos, mentres que o último ten como o obxectivo a distribución entre os concellos de Caldas, Cuntis e Moraña dun total de 385.000 euros procedentes da recadación derivada do aproveitamento hidroeléctrico do encoro do Umia, tal e como recollen as cláusulas da concesión.
En concreto, os 14 convenios autorizados hoxe beneficiarán os concellos de Friol, Cervo e Paradela na provincia de Lugo; Melide, Betanzos, Noia, Coirós, Vedra, Boqueixón, Fisterra e Frades na provincia da Coruña; Lobios, en Ourense, e A Cañiza e Mos, na provincia de Pontevedra.
No caso dos concellos da provincia de Lugo, os tres proxectos céntranse no abastecemento. Así, en Friol dotarase dun novo sistema de abastecemento o núcleo de Prado cun orzamento máximo de 200.000 euros; o mesmo importe que está previsto destinar á renovación da rede de abastecemento de auga potable na urbanización Riocovo, en Cervo. En Paradela, pola súa banda, a previsión é investir uns 350.000 euros para mellorar a captación e rede de distribución nas parroquias das Cortes e Loio. Este tipo de colaboracións garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva marco da auga; colabórase coas entidades locais para mellorar a rede de abastecemento secundaria e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando, así mesmo, polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.
Xa no que se refire aos convenios de municipios pertencentes á provincia da Coruña, os concellos de Noia, Betanzos e Frades beneficiaranse de traballos de mellora do abastecemento. En concreto, en Betanzos investirase 1 millón de euros aproximadamente na execución dunha nova infraestrutura de entrada á ETAP, así como noutras ampliacións e melloras. No concello de Noia construirase un novo depósito que aumente a garantía de abastecemento, grazas a un orzamento previsto duns 900.000 euros. A Frades destinarase uns 800.000 euros para abastecer de auga as parroquias de Moar e Añá.
Os restantes concellos da provincia da Coruña acometerán melloras no seu saneamento. Ese é o caso, por exemplo, de Melide, no que se investirán 175.000 euros para mellorar o saneamento da parroquia de Santa María; ou o de Coirós, que recibirá uns 200.000 euros para executar ramais de saneamento en distintos puntos do rural.
En Vedra, destinaranse 700.000 euros a executar a segunda fase de saneamento nas parroquias de San Mamede e Santa Cruz; en Boqueixón o orzamento ascenderá a 1millón de euros aproximadamente para a optimización da rede de saneamento en Sergude e Lestedo, así como á ampliación noutros núcleos; mentres que Fisterra recibirá algo máis de 380.000 euros para executar un novo colector de pluviais na rúa Manuel Lago.
En Pontevedra, dedicaranse 600.000 euros a mellorar o abastecemento da Cañiza a través dunha nova captación no río Deva e un bombeo; mentres que Mos recibirá uns 350.000 euros para a execución de varios ramais de saneamento pendentes. Por último, Lobios, en Ourense, contará cun orzamento de 350.000 euros para mellorar
o seu abastecemento en distintos núcleos.
Este tipo de colaboracións garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva marco da auga; colabórase coas entidades locais para mellorar a rede de abastecemento secundaria e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando, así mesmo, polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.