Lugo, 31 de maio 2017. O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, anunciou que a formación que representa manterá a mesma postura que sempre tivo en relación á presidencia de SUPLUSA. Ferreiro dixo que “non se pensa nas veciñas e veciños de Lugo, PSOE e PP están trasladando as súas liortas partidarias á Deputación e a Suplusa e o BNG non vai entrar en ese xogo como nunca entrou”. “Cunha presidencia de SUPLUSA diferente á da Deputación e con 6 millóns de orzamento poderiamos todo tipo de contraprogramacións motivadas polas loitas partidarias” dixo Ferreiro e explicou “se a presidencia de SUPLUSA recae nunha persoa diferente á da Deputación teremos un monstruo con dúas cabezas atacándose continuamente por motivos partidarios e os efectos das mordeduras irán contra todos e todas as lucenses”.
Para o BNG “a presidencia de SUPLUSA ten que ser a mesma que a da Deputación e non debe ser do PSOE, do PP, nin do BNG”. O Grupo Provincial do BNG sempre defendeu que a presidencia de SUPLUSA e da Deputación deben recaer na mesma persoa, “neste momento que sexan dúas persoas diferentes do PSOE ou do PP e do PSOE pouco máis ten por que as tensións internas en ámbolos dous partidos son parecidas e unicamente se utilizarían estes postos de poder para atacarse mutuamente entre as diferentes faccións” dixo Ferreiro.
Xosé Ferreiro sinalou que a Sociedade Urbanística Provincial S.A. dispón para este exercicio dun orzamento de 6 millóns de euros, “nos imos ser responsables e coherentes, non imos permitir que os fondos públicos que se deben utilizar en beneficio de Lugo se utilicen como moeda de casino nas partidas que xogan PP e PSOE, o orzamento non é do PSOE, do PP, nin do BNG é das persoas desta provincia”.
O BNG non apoiará, nin rexeitará ningunha proposta que se leve ao consello de administración de SUPLUSA ata que se clarifique quen vai ostentar a presidencia deste organismo, “está claro que tanto o PP como o PSOE van aproveitar esta situación para buscar posicionamentos do consello de administración de SUPLUSA que nun futuro poderían traer complicacións na xestión dependendo de quen esté á fronte da presidencia e o BNG non vai participar dese xogo” advertiu Ferreiro.