A Mariña, 14 de setembro de 2017. A médica de Viveiro Isabel Rodríguez e o médico do Hospital da Costa, Iago Villamil; acompañados polo presidente do colectivo viveirense Pensamento e Sementeira, Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, analizaron e explicaron as consecuencias que a supresión da Área Sanitaria da Mariña recollida no Anteproxecto de Lei que modifica a Lei 8/2008 de Saúde de Galiza, vai supoñer para as usuarias e os usuarios da sanidade pública desta comarca.
Na asemblea incidiuse en que a perda da condición de área sanitaria afondará na rebaixa de servizos, na dependencia do persoal do hospital de referencia que agora vai ser o HULA de Lugo e na constatación de que o Hospital da Costa pasa a ser un hospital de segunda; perdendo gran parte da súa actividade cirúrxica e converténdose na práctica nun gran ambulatorio ao que deixan sen a capacidade sanitaria que precisa.
Coa supresión da Área Sanitaria, o PP incrementará a derivación de pacientes a clínicas privadas de Lugo
Advertiuse tamén que, con esta centralización de servizos no HULA, existe unha clara intención de incrementar a derivación subvencionada ou concertada cos centros privados da capital da provincia; afastando a sanidade pública da poboación, sen ter en conta para nada os factores xeográficos, demográficos, socioeconómicos e laborais da comarca de A Mariña; comarca na que ademais esta medida vai ter un forte impacto na súa economía.
A perda de autonomía do Hospital da Costa xa está a provocar que este centro non conte coas substitucións de profesionais cando faltan, como é o caso de Uroloxía ou Rehabilitación. Ao tempo que existen carencias que rozan o esperpento en servizos como Anatomía Patolóxica e se está a sufrir xa a derivación de listas de agarda a centros privados subvencionados na capital da provincia.
Desde a Plataforma referíronse tamén ao Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurando que “descoñece absolutamente a realidade sanitaria da nosa comarca, porque ou a descoñece ou non quere dicir a verdade e amosar a situación que vén provocando o Partido Popular na sanidade pública coas súas medidas”.
A atención primaria, tamén perxudicada.
Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña destacan que as consecuencias nefastas para a sanidade non son exclusivamente o que acontecerá co Hospital, senón que “tamén na atención primaria, nos centros de saúde, se poden producir reestruturacións de cupos médicos, trasladando a algún médico/a a outros centros de saúde, e incluso a posible desaparición do PAC de Mondoñedo, integrándose a atención de urxencias de Lourenzá e Mondoñedo noutros PACS; tal e como se estruturan as Zonas na modificación prevista.”
Ademais, sinalan que “Isto non debería collernos por sorpresa, pois xa hai un tempo se falou da posible supresión dos Pacs de O Corgo, Guntín e Mondoñedo”, advirten.
As asembleas informativas da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña continuarán o venres 15 de setembro en Ribadeo ás 20:30h, no Teatro; o martes 19 en Lourenzá e o venres 22 en Burela.