Lugo, 2 de outubro de 2017. O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García; o Concelleiro de Deportes de Burela, Ramiro Fernández García; e o Presidente do SD Porto Burela, Xosé Manuel Ares Maseda, presentaron este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, unha nova edición da Marosa Cup. Trátase do torneo de fútbol base que organiza o SD Porto de Burela e que terá lugar os días 7 e 8 de outubro nas instalacións deportivas da Marosa. Na competición participarán preto de 600 xogadores, de entre 4 e 12 anos, de toda a provincia e Galicia.
O Executivo Provincial colabora con esta competición e outras actividades deportivas no municipio mariñán, cunha achega económica de 8.000 euros, dentro da súa aposta pola celebración de eventos lúdicos e deportivos nos diferentes Concellos da provincia, como unha das liñas do seu Plan Estratéxico de Turismo.
Santos Ramos apuntou que “colaboramos con este tipo de iniciativas que poñen no mapa do deporte, xa non só de Galicia, senón de todo o país, ao Concello de Burela e á nosa provincia, o que de seguro axudará a impulsar o turismo e a economía local durante a vindeira fin de semana, pois reuniranse máis de 2.000 persoas no Campo da Marosa”. O Deputado lembrou tamén o compromiso do Executivo Provincial con este tipo de eventos “que traballan en favor dos máis novos, inculcando valores tan importantes como a solidariedade, o esforzo e o compañeirismo. Por este motivo, somos a Deputación Galega que máis inviste en Deporte, co obxectivo de fomentar o deporte base e promover hábitos de vida saudables na nosa provincia”.
Pola súa banda, Llano García agradeceu a colaboración do Executivo Provincial e subliñou que “este tipo de eventos son unha oportunidade única para impulsar e apoiar o deporte base, ao tempo que damos a coñecer a beleza e características do noso Concello, e deste xeito, da Mariña lucense, a todos os turistas que se acheguen esta fin de semana”.
Torneo Marosa Cup
A III edición do torneo da Marosa Cup, que organiza dende os seus inicios o SD Porto de Burela, reunirá a máis de 30 equipos de 4 categorías de fútbol base: iniciación, prebenxamín, benxamín e alevín. Para facer máis dinámica a competición, haberá unha fase de grupos, e os dous primeiros de cada grupo clasificaranse para as eliminatorias, que serán a partido único. A Duración dos encontros será de 20 minutos, con 5 minutos de descanso. Como novidade, este ano a organización decidiu realizar un triangular de fútbol veterano.
Equipos participantes
– Burela A e B
– C.D. Lugo A e B
– R.C. Deportivo de la Coruña
– Viveiro CF A e B
– Pescados Rubén A e B
– Santiago de Foz
– Polideportivo Lucense A e B
– Ribadeo FC
– SCD Milagrosa