Lugo, 25 de outubro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, inaugurou esta mañá a VII Lonxa de Investidores Bio de Galicia organizada polo Clúster empresarial de Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) e a Xunta no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL).
Na xornada, á que asisten investidores, promotores de proxectos, business angels e público en xeral, presentáronse sete proxectos do sector da biotecnoloxía que buscan financiamento ante doce entidades investidoras de toda España, tando públicas como privadas. Os proxectos presentados pertencen a ámbitos moi diversos dentro do sector biotecnolóxico como o agroalimentario, o farmacéutico, a saúde, servizos de I+D, nanotecnoloxía, etc. Polas edicións pasadas desta lonxa de investidores, que celebra a súa sétima edición, pasaron en total máis de 60 ideas de negocio.
Tal e como apuntou a directora de GAIN, a Xunta conta coa Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía en Galicia, posta en marcha conxuntamente co sector, a través da que xa leva investidos 25 millóns de euros en diversas accións e que teñen asociada unha mobilización de 52 millóns de euros, máis dun 25% do obxectivo total previsto ata 2020.
Entre estas actuacións de apoio ao sector biotecnolóxico galego, Argerey destacou o programa Ignicia proba de concepto, a través do que se impulsa a transferencia de I+D+i ao mercado, no que máis da metade dos proxectos apoiados pertencen ao sector biotech; o Principia, a través do que se apoiou a contratación de 70 técnicos de I+D no sector nas dúas edicións do programa; a Rede galega de aceleradoras, a través da que se impulsaron nos últimos dous anos unha corentena de proxectos neste ámbito; así como outras liñas de axuda dirixidas a financiar proxectos, plans de innovación de pemes e outros instrumentos financeiros.
Precisamente este Investor Day inscríbese no Programa de aceleración da innovación Agrobiotech Innovación, posto en marcha pola Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) co obxectivo de impulsar o despegue das pemes innovadoras galegas dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e biomasa. Este programa, que se atopa actualmente na segunda edición, ten demostrado a súa eficacia no impulso ao crecemento das empresas participantes, tanto en termos de facturación cun incremento medio do 4%, como na creación de emprego, con 70 novos postos de traballo, e na súa internacionalización, colocando 60 novos produtos no mercado europeo e 50 no mercado global, segundo os resultados da primeira edición.
No marco desta iniciativa desenvolverase tamén mañá e pasado en Ourense o II Encontro Agrobiotech Innovación, un congreso multisectorial dirixido a empresas e profesionais, administracións, clústeres, asociacións e centros tecnolóxicos e de investigación dos sectores bio, agrolimentario e biomasa, co obxectivo de xerar sinerxias de negocio.