Burela, 12 de maio de 2018. O BNG inaugurou onte en Burela a súa nova sede, coa pretensión de abrir un novo espazo máis adaptado ás actuais necesidades da organización. O novo local non só será o punto de encontro da afiliación e simpatizantes do BNG, senón que pretende ser un espazo aberto a todos os veciños e veciñas de Burela. Deste xeito, a formación nacionalista busca disponibilizar un lugar estábel no que poder manter un contacto permanente coa veciñanza, colectivos, asociacións e entidades de distinto tipo, así como persoas que queiran realizar consultas e suxerencias a título particular.
O acto de inauguración contou coa presenza da deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, que aproveitou a ocasión para dar conta das distintas iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento en relación ao Centro de Saúde de Burela. Rodil informou da negativa do PP á creación do servizo de fisioterpia en Burela e adiantou que formulará distintas preguntas para demandar do Goberno Galego que aclare cal é a situación da pediatría nos centros de saúde de Burela, Cervo, Xove e Valadouro. Ao acto inaugural tamén asistiu Ana Ermida, responsábel comarcal do BNG e Mario Pillado, portavoz municipal do BNG.
O BNG saca á rúa un novo número do seu boletín informativo.
No acto tamén foi presentado o novo número d’O Faro, o boletín de información local do BNG, no que se fai un balance dos 3 anos do Goberno Municipal do PSOE en Burela. Mario Pillado sinalou que “nos atopamos ás portas do último ano da actual lexislatura, iniciada en xuño de 2015, e desde o BNG cremos que é tempo de abondo para facermos balance das políticas levadas a cabo polo actual goberno municipal en Burela”.
Neste novo número do boletín, a formación nacionalista fai unha análise das distintas actuacións levadas a cabo polo PSOE, con especial atención á prestación dos servizos básicos, onde se poden constatar numerosas promesas incumpridas ao longo destes tres anos de goberno. “Se ben é certo que nas eleccións locais de maio de 2015 se produciu un cambio político en Burela, non é menos certo que esta mudanza non supuxo unha mellora substancial na prestación dos servizos básicos, na aplicación de políticas sociais e de emprego ou na humanización de espazos públicos na nosa vila”, engadiu Pillado.