Viveiro 8-6-18. En xaneiro deste ano solicitouse a Portos de Galicia información con respecto aos trámites que están a realizar para a demolición das naves do muelle de Viveiro, preguntando pola situación na que naquel momento se atopaban os expedientes de reversión e polas datas nas que se prevía levar a cabo a referida demolición; explicábase que este concello estaba interesado en obter esa información, entre outras cuestións, co fin de poder planificar a disponibilidade dese espazo e a existencia de aparcamentos de cara a futuros eventos ou actividades que tiveran lugar neste concello nos vindeiros meses.
Na súa contestación remitida ao respecto indicábase que se atopaba pendente a acta de formalización da reversión e recuperación por parte desa administración dunha das naves, que se prevía levantar durante os próximos dous meses. Tamén se sinalaba que, considerando esa cuestión, e á reserva de continxencias que puideran acontecer na fase de recuperación, ou na posterior licitación e execución da obra, a previsión era que tanto unha como outra se ultimasen ao longo do exercicio en curso, sen facer unha previsión máis exacto en canto ás datas de execución.
Tendo en conta o tempo transcorrido, no día de hoxe enviouse a Portos de Galicia un novo escrito preguntando, por un lado, se xa se procedeu á sinatura da acta de reversión da nave que faltaba e, polo outro, se xa se atopa iniciado, e no seu caso en qué fase, o proceso de licitación para a execución do proxecto de obras de “demolición de naves e acondicionamento de zona portuaria en Viveiro, fase 2”, todo isto en aras a coñecer con máis precisión das datas previstas para iniciar a demolición dos referidos galpóns.
Xunto a este escrito, remitíronse a Portos de Galicia diversas imaxes nas que se pode constatar o estado no que se atopan estas naves e a necesidade, por estética, funcionalidade e seguridade, de acometer esta demolición.
Agardamos poder recibir en breve a información solicitada con respecto á este asunto de vital importancia para o noso municipio, polo que levamos tempo traballando, e que suporá un paso para conseguir a apertura de Viveiro ao mar.