Mondoñedo, 9 de xuño de 2018.- O Concello de Mondoñedo obtén a cesión dun solar propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social, no que se habilitará un aparcadoiro gratuíto para autobuses e vehículos pesados.
O solar está situado na rúa Vilalba e conta con 1.235 m2.
A cesión de uso a favor do Concello de Mondoñedo é por un prazo de 5 anos e o documento da cesión asinouse o 27 de abril de 2018.
Dar facilidades ao tráfico
O número de visitantes que se achegan á Cidade de Mondoñedo vai medrando día a día. Moitos destes turistas o fan en autobús polo que a afluencia deste tipo de vehículos estase a incrementar considerablemente.
A maiores, nas inmediacións do solar no que se habilitará este aparcadoiro encóntranse situados a Gardería Municipal e o CEIP Álvaro Cunqueiro, e á hora de entrada e de saída dos nenos prodúcense problemas de tráfico ao coincidir varios autobuses e gran cantidade de coches, ademais de que na rúa Vilalba aparcan normalmente varios camións.
A alcaldesa de Mondeñedo, Elena Candia, asegura que “coa dotación deste novo espazo, no que poden aparcar tanto autobuses como vehículos pesados, estaremos a dar unha maior facilidade ao tráfico xa que se mellorará dun xeito considerable”.
Información aos visitantes
No aparcadoiro colocaranse planos informando da variedade de lugares de interese, servizos, negocios, comercios e locais de hostalería que hai en Mondoñedo, e establecendo a súa ubicación.
“Trátase de dar as maiores facilidades aos grupos de visitantes que se achegan á Cidade, que cada día van en aumento”, indica Candia.