Ribadeo 26-11-18. Desde Inclusiones18, propoñemos celebrar a arte na súa diversidade. No espectáculo, participarán persoas e colectivos amosando retos e loitas. Xa na entrada do auditorio, haberá unha exposición ambiental. Esta benvida responde á colaboración de ADINORA e do Centro de Apoio á Integración Canero-Valdés.
Adrián Vigo medrou nunha familia de artistas. Os problemas motores provocados por complicacións ao nacer non lle impediron desenvolver as súas inquedanzas musicais e as súas habilidades artísticas. Non pode andar porque ten unha discapacidade física do 80%, mais é quen de interpretar, de memorizar harmonía e de compor pezas musicais. Deleitaranos con alalás, asumindo o reto proposto dende a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento a David, o seu profesor, produtor e compañeiro en escena.
Familia María Fumaça naceu como resposta artística para facer feliz a Rui. A súa madriña Uxía Domínguez Senlle impulsou o tren e hoxe converteuse nun proxecto de arte e diversidade que rompe barreiras. Dende hai 7 anos e 5 discos-libros, Rui, Chus e Manuel compoñen cancións compartindo creación con diversos artistas. Dende o colexio Jesús Álvarez Valdés de La Caridad, doce alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria participarán coa interpretación de tres pezas musicais. Empregarán instrumentos de pequena percusión e a frauta, amosando todo o traballado nas aulas do colexio La Caridad.
Os participantes da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña de Cervo percorrerán un mapa de sentimentos a través dunha interpretación teatral con música
en directo para este evento. A proposta de Eu son de Burela volve a esta edición de Inclusiones, centrándose desta vez en escenas teatrais surrealistas. A Compañía Ilusiones de Tapia tamén repite este ano, presentando «Las estrellas de la compañía ilusiones». Xogarán cos textos e as luces nun ambiente onírico que equiparen os actos de soñar e de vivir.
Ao longo desta semana, continúan os obradoiros-ensaios no auditorio de Ribadeo co colexio e finca El Cabillón da Fundación Edes, onde a música está dirixida por Ugia Pedreira e os textos e dirección por Marina Oural. Estes, compleméntanse co traballo diario dos profesores e profesionais que Edes realiza dende a súa sede en Tapia. Nós recibimos as propostas artísticas dos diferentes colectivos e traballamos con eles nas transicións, no deseño de luces en creación paralela e no son, deixando que amosen a súa proposta desde as súas ideas, expresando en Inclusiones o resultado do traballo de todo o ano.
