Lugo, 25 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto ata o vindeiro día 11 de febreiro o prazo de solicitude da convocatoria deste ano para acreditar a experiencia profesional na disciplina de socorrismo, tanto en espazos acuáticos naturais (225 prazas) como en instalacións acuáticas (225 prazas).
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que as acreditacións que se acaden teñen carácter oficial e validez nacional. Así, as persoas que obteñan estes recoñecementos poderán facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais dos coñecementos e capacidades adquiridos a través de anos de experiencia.
As cualificacións que convoca a Consellería corresponden na maioría dos casos a actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade e co obxectivo de garantir un bo servizo, esixen como requisito imprescindible para desempeñalas a posesión dun título ou certificado de profesionalidade que acrediten a súa competencia profesional.
Balseiro salientou que este procedemento é unha vía complementaria aos cursos de formación para obter o certificado acreditativo e habilitante para exercer como socorrista, “unha profesión con alta demanda especialmente nos meses de verán”. Dentro do Plan galego de formación 2018-2019, a Xunta achega financiamento para un curso de socorrismo en espazos acuáticos naturais organizado polo Concello de Xove, que se imparte dende o pasado 8 de xaneiro ata o vindeiro 16 de maio, e conta con 15 participantes.
Prazo aberto para solicitar tamén outras cualificacións
A convocatoria que ten aberta a Xunta ata o 11 de febreiro permite solicitar, ademais da cualificación en socorrismo, a acreditación da experiencia profesional noutras cinco disciplinas: docencia da formación para o emprego (100 prazas); operacións auxiliares de fabricación mecánica (100 prazas); atención sociosanitaria a persoas no domicilio (300 prazas); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (250 prazas) e tanatopraxia (150 prazas).
A información e detalles sobre este proceso pódese consultar na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no portal de Emprego: http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-reconecemento-experiencia-profesional