En Burela temos unha nova cita coas urnas o próximo domingo, na que será a cuarta convocatoria eleitoral no que vai de ano no noso concello, aínda que coa particularidade de que nesta ocasión unicamente está chamado a votar o electorado da mesa U do Perdouro para decidir previsiblemente a decimoterceira acta da corporación, pois mantense intacto o resultado das restantes nove mesas.
A nova convocatoria vén motivada por unha reclamación ante a Xunta Eleitoral de Zona (XEZ) e posterior recurso contencioso-eleitoral da formación Burela Sempre (Bus). O TSXG declarou nula a elección celebrada na mesa U do Perdouro e ordenou a súa repetición, pola ausencia de 6 votos nulos. Máis alá da lexitimidade do recurso presentado por Burela Sempre a posteriori, penso que é importante sinalar o feito de que na acta de escrutinio non se recollese reclamación algunha en relación aos 6 votos nulos por parte de ningunha das sete formacións políticas concorrentes. A candidatura encabezada por Carlos Peinó contaba con apoderados nese colexio eleitoral que poderían ter formulado as reclamacións oportunas, mais non darían ese paso ata o reconto efectuado na XEZ, unha vez que xa se coñecían os resultados nos que había un empate técnico polo que o BNG acadaba a súa terceira acta en detrimento da que sería a primeira acta para BuS.
E é aquí onde entra en xogo outro elemento que non podemos obviar e que ao meu ver foi decisivo en todo este proceso e que influíu determinante na decisión adoptada en última instancia por BuS.
Debemos ter presente que a lista encabezada por Carlos Peinó (BuS) se presentou en Burela baixo o paraugas de “Galicia Sempre”, formación política creada polo alcalde de Becerreá e deputado provincial Manuel Martínez, tras a súa saída das filas socialistas, despois dun convulso mandato na Deputación de Lugo. Martínez protagonizaría algúns dos capítulos máis bochornosos da institución provincial e mesmo chegaría a dar temporalmente a presidencia da Deputación ao PP, finalizando o mandato como deputado non adscrito e fóra xa das filas socialistas. O de Becerreá remataría por crear a súa propia marca política co fin de manter a alcaldía e a súa acta como deputado provincial.
Curiosa carta de presentación para unha candidatura que debutaba en Burela nunhas municipais, “apadriñada” politicamente por unha persoa que foi incapaz de renunciar ás súas aspiracións persoais e someterse á disciplina partidaria para facilitar un goberno entre BNG e PSOE na Deputación, como si se fixo no Concello de Lugo. O ego e o rancor pesaron máis que o sentido da responsabilidade e Martínez non dubidou en antepoñer os seus intereses e aspiracións persoais á gobernabilidade da institución provincial, actuando como se o Pazo de San Marcos fose a súa propia casa e non a do conxunto dos e das lucenses.
É por todo isto que é lóxico pensar que detrás da reclamación de Burela Sempre hai tamén moito de revanchismo e vinganza persoal, e que pouco ou nada se tiveron en conta as consecuencias que tería todo este proceso para Burela e para o conxunto das veciñas e veciños, sendo o único concello da Galiza cun goberno en funcións e no que despois de seis meses desde as eleccións de maio, aínda non se puido constituír a nova corporación.
A guinda do pastel a todo este periplo chegaría hai só unhas semanas, cando se deron a coñecer cambios introducidos na candidatura de BuS de cara á cita do próximo domingo. Neste sentido, aínda se modifica máis se cabe o escenario do 26M, que por se non fose abonda anomalía votar nunha única mesa sabendo o resultado das nove mesas restantes, aínda por riba a candidatura da formación recorrente preséntase alterada con respecto a maio.
Agardemos que este sainete fique nun episodio máis dentro da historia do Concello de Burela e que o BNG sexa quen de manter a súa terceira acta para posibilitar un goberno máis plural, como así o decidiran os veciños e veciñas o pasado 26 de maio. Agora, como daquela, a última palabra tena a veciñanza, mais para iso non vale quedar na casa o domingo.


















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



