Burela, 25 de xuño de 2020. O Concello ofreceu este xoves unha recepción ás xogadoras do Burela FSF antes de que poñan rumbo a Málaga para disputar a final do play off polo título de Primeira División. Será o vindeiro domingo , 28 de xuño, ás 17:30 horas. Ata a cidade andaluza viaxará o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey.
O alcalde, Alfredo Llano, comentou que “recibimos no Concello ao equipo de fútbol sala feminino que vai ter a gran final este domingo. Esperemos que todo o mundo poida seguir ese partido a través dos medios de comunicación, da radio e da televisión, o 28 ás cinco e media da tarde”.
O rexedor dixo que “nos xuntamos hoxe aquí para apoiar e darlles as grazas pola súa participación. O nivel que acadaron é impresionante. Están facendo unha labor extraordinaria no campo deportivo, pero tamén na difusión e na divulgación ao colocar a Burela no mapa, e iso tamén é interesante por iso llo agradecemos. Agradecínllelo eu hoxe, en nome de todos os veciños e veciñas de Burela, porque considero que deben sentir ese apoio da xente de Burela, que contamos con elas e estamos seguros de que van facer unha boa labor e que van dalo todo para acadar este novo título”.
Llano engadiu: “quixemos agradecerlles que fixeran todo o posible para que estivéramos na final e contan co apoio total da xente e da afección de Burela, que realmente son moi importantes para ter o fútbol sala no nivel no que está”.
