Viveiro, 29 de agosto, 2020. De maneira clara e unánime as organizacións sindicais do ensino e as ANPAs así como moitos Concellos, amosaron o seu rexeitamento ao Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21. A proposta foi elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas así como os recursos necesarios para a súa implantación.
Cunha breve análise do texto podemos observar que a Xunta de Galiza elaborou o protocolo primando os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias, impoñéndolle a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo e ao profesorado, ás nais e pais, así como aos Concellos que se deberán facer cargo da prestación e sobrecuste de certos servizos, sen que a administración competente en materia sanitaria e educativa, a Xunta de Galiza, asuma ningunha delas.
Así, atopámonos cun documento no que non se respectan os criterios estabelecidos por norma para o resto da poboación, como poden ser as regras de distanciamento persoal ou de aforamentos. Non se contempla por parte da Consellaría ningún tipo de complemento económico nin a contratación de persoal a maiores, nin non docente nin de persoal docente, imprescindíbel para reducir o número de alumnado por aula. Non se recollen medidas específicas de ningún tipo para o alumnado de necesidades educativas especiais, o máis afectado durante o confinamento, nin medios de transporte nin recursos de reforzo a maiores.
Tampouco se adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática, como a fenda dixital no rural, a formación do profesorado e alumnado nin a achega de materiais físico e educativos para ter garantida a educación universal para as crianzas.
A maiores, e desde o punto de vista municipal debemos ter en conta varios aspectos: Tal e como vén recollido na Lei 27/2013, do 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, os Concellos non teñen competencias en Educación nin en Sanidade, xa que estas son exclusivas da Xunta de Galiza. Malia isto, na disposición adicional 4a da lei 5/2014, do 27 de maio, de Medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, estabelécese que as competencias en materia de educación, saúde e servizos sociais que ten que asumir a Xunta de Galiza en aplicación da Lei 27/2013 seguirán sendo prestadas temporalmente polos Concellos mentres non se estabeleza o marco normativo para a súa transferencia á Xunta. En materia de Educación as prestacións que á entrada en vigor da Lei prestan os Concellos limítanse ao mantemento e limpeza ordinaria dos centros educativos de Primaria.
Á altura na que estamos, agosto de 2020, por parte da Xunta aínda non se iniciou a elaboración da necesaria regulación para dar cumprimento á lexislación, o que amosa unha clara intención de que sexan os Concellos os que sigan a exercer esta competencia que non lle é propia.
No punto 4 do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 estabelécense as medidas xerais de limpeza nos centros de ensino non universitarios. Estas medidas de limpeza extraordinaria esixirán realizar uns traballos nos centros educativos durante o desenvolvemento da xornada educativa que van moito máis alá dos que nestes momentos se realizan por parte dos Concellos. Será, polo tanto, a Xunta de Galiza, a administración con competencias en materia de educación e sanidade en Galiza, a que ten que asumir e financiar estes traballos e medidas de limpeza ás que fai referencia o Protocolo, non podendo ser os Concellos os que asuman nin a súa execución nin o seu financiamento.
No Consello de Ministros de 16 de xuño de 2020 aprobouse o decreto polo que se transferirán ás comunidades autónomas 2.000 millóns de euros dos fondos COVID-19 para adaptar e cubrir as necesidades da Educación como consecuencia da pandemia. Parte destes fondos, loxicamente, correspóndelles á Xunta de Galiza para financiar o incremento de custes derivados das medidas de adaptación ao contexto da COVID-19.
Neste mesmo Protocolo regúlanse as condicións nas que se deben prestar as actividades extraescolares, o Plan Madruga e os comedores escolares. Asociacións de nais e pais de alumnado manifestaron a súa disposición a seguir prestando estes servizos, imprescindíbeis para facilitar a conciliación familiar e laboral, sempre e cando por parte da Xunta se garanta a súa universalidade e o financiamento do sobrecuste. Así mesmo, a Xunta de Galiza, como administración competente en materia de educación e sanidade, debe ser a que asuma a responsabilidade destas actividades, e non as delegue nas FANPAs. A educación e a sanidade son aspectos fundamentais para o funcionamento da sociedade.
A falta de espazo é unha das razóns que esgrimiu esta mesma semana a conselleira de Educación, Carmen Pomar, para rexeitar o desdobramento de grupos para rebaixar a cociente de alumnos por aula e axudar a cumprir coa distancia de seguridade recomendada na volta ao cole postcovid.
É por isto que dai imprescindible que os concellos poñan a disposición da concellería de educación todos aqueles edificios municipais que poidan ser utilizados para tal finalidade e así favorecer a repartición de alumnos en máis aulas, desconxestionar os colexios e achegarnos a cocientes menores para cumprir coas distancias mínimas e ofrecer unha volta ao cole o máis segura posible ao alumnado.
A Xunta de Galiza, ante unha crise sen precedentes como a da COVID-19, non pode obviar á totalidade da comunidade educativa e aos Concellos, facendo recaer sobre eles a responsabilidade e o financiamento do subrecuste no sistema educativo. As declaracións do Presidente da Xunta en funcións sobre as obrigas que teñen que asumir os Concellos en materia de financiamento e sobre as FANPAs (ás que denominou operadores educativos) que manifestan a súa imposibilidade de garantir os servizos que prestan, son impropias de quen ten a responsabilidade do Goberno galego.
Por estes motivos, o BNG de Viveiro propón ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:
.Amosar o rexeitamento ao Protocolo COVID19 para o ensino, aprobado pola Xunta de Galiza, así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia.
.Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecuste.
.Poñer a disposición da Xunta de Galiza, os edificios municipais que contan con servizos básicos e que están infrautilizados como son todas as antigas escolas unitarias existentes nas parroquias, o Centro Comarcal ou en especial o Edificio do antigo CEIP de Galdo e así contar con espazos que permitan realizar os desdobres das aulas baixando a ratio de alumnado.
.Apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado abrindo con urxencia por parte da Xunta de Galiza un diálogo para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.
.Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.
.Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza, á FEGAMP e ANPA ou ANPAs que teñan implantación na localidade.



















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



