Ribadeo, 25 de novembro de 2020. No pleno ordinario celebrado onte no Concello foi aprobado por unanimidade demandar por terceira vez o compromiso da Xunta co vial dos Garitos. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que o que lle esixen é que diga si ou non e canto pon e cando. Na sesión foi aprobado ademais un plan de acción de loita contra o cambio climático, así como unha moción do PP para demandarlle ao SEPES que abarate o custe das parcelas do polígono industrial de Ribadeo.
O rexedor explicou que “foi un pleno ordinario con moitos asuntos de interese e a grande maioría deles foron aprobados por unanimidade de todos os grupos da Corporación. Unha cuestión relevante foi a proposta, que tamén aprobamos unanimemente e que chama moito a atención, que acordamos demandar, por vez terceira, o compromiso da Xunta de Galicia co vial dos Garitos. Este vial que vai ao pé da vía de Feve e que levamos cun debate desde hai máis dun ano. Daquela asegurouse, no propio pleno por parte do PP local, que a Xunta ía regarnos de cartos, que ía poñer unha boa parte dos fondos, que ían caernos os cartos a esgalla e un ano despois non puxo un can, polo menos de momento. Non foi así o caso da Deputación que aportou firmemente o 78% dos 360.000 euros que vai custar esta obra tan importante e que vai reducir moitísimo o perigo que se dá con ese tráfico pesado que pasa por alí”.
Suárez Barcia dixo que “o que lle esiximos polo tanto á Xunta é que diga se dá ou non dá, claramente, que diga canto e que diga cando. Todo o que poida dar descontarémolo da nosa achega municipal ou da achega da Deputación, ou das dúas, e así investiremos ese diñeiro noutras outras moitas actuacións pendentes, que mira que non hai actuacións na vila ou nas parroquias. Pero queremos, e xa llo dicimos por vez terceira de maneira unánime de toda a Corporación, que se deixen de liar a madeixa, agora non é tempo nin de latricar, nin de esbardallar, agora é tempo de dicir se poñen ou non poñen”.
O alcalde contou que “tamén aprobamos un plan de acción, coordinado coa Xunta, o Ministerio e a Unión Europea, para poñer desde o ámbito municipal, como tantos outros Concellos, o noso grao de area para a loita contra o cambio climático a fin de reducir os gases de efecto invernadoiro nos vindeiros anos. Neste senso acordamos aprobar un documento onde se establecen unhas medidas e unhas accións para ir implementando no curto, no medio máis no longo prazo, tanto desde o punto de vista do funcionamento do Concello en si como nos domicilios, nas empresas, etc…, ir creando criterios básicos de actuación de cara á eficiencia do alumeado público, de cara a crear espazos de carga de vehículos eléctricos, de cara a asesorar no consumo de enerxías renovables, etc…”.
Fernando Suárez manifestou que “ademais aprobamos entre todos unha moción do Partido Popular para dirixirse á empresa pública SEPES, que é un organismo público que depende do Ministerio de Fomento, que é o titular do polígono industrial de Ribadeo, a fin de que se fagan accións dunha vez por todas que redunden en abaratar o custo das parcelas do noso polígono. Debo dicir a este respecto que, ao longo destes anos tanto cos gobernos do PP de Madrid, de Rajoy durante sete anos, como agora do PSOE, conseguimos que se comprometesen a estudar esta circunstancia. Sabemos que o polígono industrial está moi ben, nunha situación moi boa, ten unhas condicións de ubicación estratéxicas, etc…, pero non ten uns prezos axeitados e especialmente nas parcelas grandes que non teñen, ata o momento, ningún tipo de demanda. Confiemos que a partires de agora vaian atendendo por parte do Ministerio estas xustas demandas”.
O rexedor ribadense engadiu que “quedou tamén aprobada a baixada do 0´4% nas taxas de auga e saneamento, e a suba do 2´13% na do lixo por diferentes cuestións do IPC e de acordos coa empresa pública Sogama, que depende da Xunta de Galicia. Ademais tratouse a renuncia da asignación aos grupos municipais deste ano 2020 para incluíla en partidas de carácter social”.






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



