Burela, 9 de xaneiro, 2021. Os pupilos de Juanma Marrube xa son bicampións irmandiños. O Pescados Rubén Burela FS alzouse co título da Copa Galicia Masculina, por segunda vez na súa traxectoria, tras impoñerse con solvencia esta tarde en Narón ao Noia Portus Apostoli (5-2). O presidente da RFGF, Rafael Louzán, acompañado polo vicepresidente da RFEF, Pablo Lozano, fixo entrega do trofeo ao capitán Edu, para escribir con letras de ouro este sábado 9 de xaneiro como un día histórico para toda a Familia Laranxa, completanto a xornada que comezou o Pescados Rubén Burela FS pola mañá en Vista Alegre conquistando a Supercopa de España Feminina.
Buscaron sorprender os de Marlon Velasco con Antonio Diz como referencia; no primeiro recibimento fronte a Edu fóiselle fóra, pero na seguinte acción conseguiu adiantar o Noia, recollendo (minuto 6) un pase dende a banda tras a pugna con David Pazos. Isto serviulles aos da Mariña para reaccionar e foi precisamente o 20 mariñán o seguinte en poñer a proba a Álex Pérez cun potente mísil; tentouno tamén Lucho e foi o desquite dos irmáns o que fixo acto de presenza á terceira, pola mesma banda, cun disparo cruzado de Álex Diz que deixou no chan a Luisma e Álex Pérez. Os de Juanma Marrube buscaron a verticalidade, metendo unha marcha máis, e comezaron a recoller os seus froitos para distanciarse con comodidade. Tras a iniciativa do electrónico no 14 a través de Quintela, empurrando maxistralmente o disparo do de Ames, os pupilos de Juanma Marrube ampliaron ata o 4-1 en tan só dous minutos, co propio David Pazos nunha perda noiesa e máis tarde con Javi Rodríguez, ao segundo pau de Pitero. Unha das mellores para o Noia tívoa Antonio Diz, gañando o man a man fronte a Iago Míguez, pero non puido controlala ante Edu e fóiselle fóra. O quinto laranxa volveu ter sinatura de Pazos, tras o pase de Quintela e a paciencia de Iago Míguez para cederlla ao 20 burelista. A rede noiesa tremeu e moito nos últimos compases da primeira parte con dúas magníficas oportunidades nas zapatillas de Iago Míguez, desartellada entre Álex e Pope, e de Quintela ao traveseiro.
Souberon xogar co marcador a favor os laranxas. Noia pelexou por reducir distancias cun bo regreso, ante a solidez de Edu, que soubo como frear as intencións primeiro de Raggiati e máis tarde de Armando e Pope; Antonio Diz tamén se estrelou contra o pau. Giasson e Renato protagonizaron as máis perigosas dos do Mariskal, ao pau, para subir o sexto. O Pescados Rubén tiña una vantaxe ampla e pouco a pouco o encontro cobrou certa desorde, con continuas idas e voltas. Loitou o Noia, con sete minutos por diante, polo acerto sobre a rede con Javaloy e respondeu do mesmo xeito Juanma Marrube, con Javi Rodríguez como abandeirado, para manter a posesión. Aínda a tivo Giasson a porta baleira en despexe no 34; no entanto, o sexto non chegou. A portería laranxa resistíuselles aos de Marlon Velasco; tan só foron capaces de acurtar distancias falta de tres para o final, con Rangel aproveitando unha perda de cinco para catro de Burela, para o definitivo 5-2.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Renato, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Quintela, Álex Diz, David Pazos, Pitero, Javi Rodríguez,
Noia Portus Apostoli FS: Álex Pérez, Luisma, Pope, Rangel, Naranjo, cinco incial; tamén xogaron Antonio Diz, Javaloy, Armando, Lluc, Pirata, Rivera, Asensio, Raggiati,
Goles: 0-1, minuto 6, Antonio Diz; 1-1, minuto 8, Álex Diz; 2-1, minuto 14, Quintela; 3-1, minuto 15, David Pazos; 4-1, minuto 16, Javi Rodríguez; 5-2, minuto 37, Rangel
Árbitros: Martínez Torres // Darriba Villamor. Por Burela amarela para Lucho, Quintela. Por Noia amarela a Antonio Diz
Incidencias: Partido correspondente á final de XXIX Copa Galicia disputado no pavillón da Gándara de Narón. Edu recibiu o Trofeo Mellor Xogador MVP Concello de Narón da alcaldesa, Marián Ferreiro. O noiés Pirata foi recoñecido como Mellor Xogador MVP Munich.






















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
