Lugo, 25 de marzo 2021. A Deputación de Lugo levará ao Pleno ordinario deste mes, previsto para o vindeiro martes, 30 de marzo, a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2021, que nesta anualidade o Goberno provincial decidiu incrementar ata os 21,5M€.
As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 15,2M€, o 70% do total dos fondos, para acometer 332 obras e subministracións-, seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€ cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 800.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da Covid-19.
As actuacións do Plan Único foron abordadas este xoves na Comisión Informativa de Asuntos do Pleno, na que están representados todos os grupos políticos provinciais, unha reunión previa á sesión plenaria do vindeiro martes.
Para o Plan Único 2021 a Deputación achega dos seus orzamentos 21,5M€, unha cantidade que o Goberno decidiu aumentar con respecto á anterior anualidade no marco do seu compromiso de cooperación cos concellos e coa intención de facilitarlles a súa xestión para que a atención á veciñanza sexa a mellor posible. Estes 21,5M€ sumados ás achegas dos concellos, consegue inxectar na sociedade e na economía da provincia de Lugo preto de 24M€ de fondos públicos.
Os concellos presentaron as súas propostas para investir estas importantes partidas económicas da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.
Máis de 15M€ para obras e subministracións
Dos 21,5M€ do conxunto do programa, 15,2M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas. En total son 332 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia. Estas actuacións servirán para renovar pavimentos en estradas, pistas e camiños municipais, acometer redes de abastecemento de augas, mellora do alumeado público para facelo máis eficiente e dotar de novos puntos de luz a diferentes parroquias da provincia, mantemento de parques e xardíns, realización de plans de ordenación de tráfico e estacionamento, contribuír a unha recollida do lixo óptima e, en definitiva, á atención de necesidades particulares que presenta cada unha das localidades en materia de infraestruturas.
3,5M€ para crear emprego
En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,5M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo no municipio. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e combater así o reto demográfico, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades. En total, vanse crear 300 postos de traballo moi diversos, como peóns, arquitectos, socorristas, monitores turísticos, administrativos, enxeñeiros forestal ou conserxes, entre outros.
3M€ para axuda no fogar
En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Recibirán preto de 3M€, cos que poderán a máis de 3.000 veciños e veciñas esta prestación social, que inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados e necesarios. En cada caso, realízase unha valoración técnica que dita que tipos de actuacións son necesarias levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible. Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan.
O SAF, á súa vez, é un servizo que xera un gran volume de emprego nas distintas localidades da provincia. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación.
800.000€ para medidas Covid
Así mesmo, o Plan Único recolle nesta anualidade unha nova liña que se creou no 2020 para que as entidades municipais puidesen facer fronte a gastos correntes derivados da pandemia da Covid-19. En total, os concellos decidiron destinar máis de 800.000€ para esta finalidade, co que poderán mercar material de protección, conceder axudas directas a autónomos e empresas ou lanzar programas que contribúan a paliar os efectos e consecuencias da pandemia na súa localidade. Por exemplo, é o caso do Concello de Viveiro, que ten previsto destinar 200.000€ a este fin; tamén o Concello de Antas de Ulla, que destinará máis de 100.000€; importante tamén é o que se vai investir en Palas de Rei, cunha partida de 92.000€; en Ribadeo, máis de 93.000€ e, entre outros, o de Mondoñedo, cunha partida de 18.300€.
Por outra banda, oo abeiro do Plan Único, os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse 126.540€ para o total dos municipios, entre os que destacan novas visitas guiadas no Concello de Alfoz para coñecer a súa historia e a súa arte; rutas xeolóxicas en Burela; unha campaña de promoción do Concello do Incio para poñer en valor os recursos e atractivos deste municipio; a Festa da Faba 2021, do Concello de Lourenzá; o impulso do proxecto Gumiralia, do Concello da Pobra do Brollón, ou entre outras, a promoción de localidades coma Monforte de Lemos e O Vicedo.
Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por investir na mellora da administración electrónica e de protección de datos, un programa que ascende a 145.000€no seu conxunto, superando a cantidade destinada en anos anteriores (140.000€ no ano 2020 e 105.000€ no 2019). Un total de 15 concellos da provincia contemplan fondos do Plan Único 2021 neste sentido.
O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a 14.500€. Nalgúns casos contémplase a adquisición de novo vestiario, como en Burela e Mondoñedo; noutros a renovación do equipamento, como en Negueira de Muñiz; e outros para mantemento, pólizas de seguros e accidentes, como é o caso de Pol e Xermade.
En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 35.000€, unha cantidade moi inferior a anualidades anteriores debido á situación de pandemia que impide a celebración de eventos que congreguen a grandes grupos de persoas. Malia iso, concellos coma A Fonsagrada non renuncian a adaptar a súa tradicional Feira do Butelo aos novos tempos cunha edición dixital con vídeos e foros de debate; tamén Guntín aposta pola promoción do Pemento de Mougán e da Feira de Grelos; Samos adapta a súa Feira do Turismo e do Peregrino e a Feira de artesanía, e Sober, a XXXIX Feira do Viño de Amandi.
Pola súa banda, en actividades culturais tales como escolas de música, teatro ou actuacións ou eventos que se celebren no ano 2021, o orzamento ascende a 221.293,13€.
A Deputación fomenta, así mesmo, o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de case 75.000€ van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva.
Autonomía e responsabilidade municipal
Con este programa de investimentos a Deputación de Lugo dá resposta a situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía xa que son eles os que deciden en que e como gastar as achegas. Ponse de manifesto que a cooperación entre administracións é a canle para satisfacer as necesidades dos veciños e veciñas da provincia de Lugo, en accións de gobernanza, deseñadas e aplicadas pensando nas persoas.
O Plan Único de Cooperación cos Concellos garante a distribución de fondos públicos con total transparencia e con criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, un feito que favorece a equidade e o desenvolvemento equilibrado da sociedade e do territorio. Ademais, establece unha contía máxima de 500.000€ e mínima de 200.000€, en función destes criterios, para blindar o financiamento daqueles concellos máis pequenos.
Este programa é a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os Concellos, multiplica os resultados. A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión social e territorial dos 67 concellos de Lugo a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas.
Antelación e facilidades
A edición do Plan Único 2021 foi a primeira que contou coas súas bases aprobadas no ano anterior ao seu período de vixencia, un aspecto moi importante para os concellos porque lles permitiu unha maior previsión para a xestión dos recursos e a contratación das obras.
Así mesmo, a Deputación de Lugo puxo á disposición das administracións municipais outras facilidades como a opción de que poidan imputar os gastos de contratación do persoal e os investimentos licitados dende principios deste ano, é dicir, poderán xustificar aqueles desenvolvidos dende o 1 de xaneiro de 2021.
Os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2022. No caso da xustificación destes investimentos, terán ata o 15 de novembro de 2022.






















O venres descubrirase a placa que oficializa o nomeamento da Biblioteca Municipal co seu nome, dentro da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. O programa inclúe unha exposición, a lectura dun manifesto e unha conferencia. O sábado entregarase no Auditorio o IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. Rouco destacou a importancia de visibilizar a figura do autor e convidou a veciñanza a participar nos actos.
As nenas e nenos coñeceron o proceso de moenda e levaron unha mostra de fariña. García destacou a importancia de achegar a realidade do rural á infancia e agradeceu a colaboración das granxas, ANPAS e centros educativos. O Muíño de Coea é unha das novas incorporacións a un programa que este ano inclúe 210 actividades e chega a máis de 6.000 escolares de 74 centros da provincia.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



