Lugo, 7 de outubro de 2021. A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, presentou esta mañá a segunda edición do programa “O que non arde”, dirixido a contribuír á prevención e defensa contra os incendios forestais e a apoiar a xestión integral dos montes.
Na anualidade 2021, o plan oriéntase ao fomento das actividades de silvicultura nas comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) a fin de reducir a elevada cantidade de biomasa existente nos montes e aminorar o risco de lumes asociado.
Así, a área de Medio Rural puxo en marcha unha convocatoria dirixida ás comunidades de montes veciñais en man común, que poden solicitar a axudas en dous ámbitos:
-para a promoción de actividades silvopastorís con gandeiría extensiva no ámbito de influencia das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa así como nas faixas laterais das redes viarias de titularidade municipal situadas dentro dos límites das terras que xestionan.
-para a elaboración, por parte dun técnico competente, dun plan de aproveitamento silvopastoril, para a regulación de dito aproveitamento e a inscrición no rexistro público de terreos forestais de pastoreo, ou para a súa inclusión dentro dun proxecto de ordenación.
Ademais, aqueles solicitantes de axudas enmarcadas nalgunhas das actuacións incluídas nos dous eixos anteriores poderán solicitar axudas destinadas á investigación da propiedade, resolución de discrepancias catastrais, e outras de natureza semellante que repercutan na mellora organizativa e estrutural da CMVMC, no senso de contribuír á elaboración exacta da planimetría destinada á determinación dos límites do monte comunal.
A deputada de Medio Rural explicou que “con esta segunda edición do programa damos continuidade a unha liña de traballo que puxemos en marcha na anualidade pasada coa vontade de contribuír á prevención dos incendios”
“O éxito e a acollida da primeira edición, co labor pedagóxico levado a cabo na idea de ordenación dos espazos agroforestais, levounos a darlle continuidade e orientalo, nesta anualidade, ao fomento de actividades de silvopastoreo que contribúan a reducir o risco de lumes pola elevada cantidade de biomasa existente nos nosos montes”, continuou a deputada nacionalista.
Mónica Freire incidiu en que “o programa “O que non arde” aborda a problemática dos lumes desde o ámbito da prevención, poñendo o acento na planificación e na ordenación dos espazos forestais e atendendo ás necesidades que nos formularon desde as comunidades de montes veciñais en man común, axentes fundamentais no desenvolvemento económico e produtivo do rural”
Beneficiarios e prazos
Poderán ser beneficiarias das ditas axudas as CMVMC da provincia de Lugo cuxos montes estean inscritos no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, e que velen pola defensa contra os incendios forestais mediante o aproveitamento do monte con pastoreo en extensivo de xeito que se contribúa á diminución da cantidade de biomasa existente nas faixas secundarias e/ou laterais das vías de titularidade municipal.
No caso de arrendamento total ou parcial do monte, ou cesión parcial do mesmo para o seu aproveitamento individual por parte dalgúns comuneiros, para a realización dun aproveitamento de pastos por gando en extensivo, os arrendatarios e comuneiros poderán acollerse ao programa.
As axudas, convocadas en réxime de concorrencia competitiva e cun orzamento total de 60.000 euros, poden solicitarse ata o vindeiro 28 de outubro, dacordo coas indicacións recollidas nas bases da convocatoria, dispoñibles na web da Deputación de Lugo e publicadas no BOP do 29 de setembro.
Montes veciñais en man común
Os montes veciñais en man común son unha das poucas formas de propiedade e xestión en común da terra que puido sobrevivir á organización municipal do século XIX e ao fenómeno desamortizador, constituíndose como forma de propiedade característica de Galiza.
A cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponde a monte veciñal en man común xestionado por 2.800 comunidades de montes. No que se refire á provincia de Lugo, segundo datos de 2016, a superficie xestionada por comunidades de montes é de 205.600 has. e no rexistro figuran 924 comunidades.
Alén das cifras referidas ás comunidades de montes, significativas da importancia desta figura no desenvolvemento económico e produtivo, en Galiza ten unha especial relevancia o aspecto económico dos montes, ao ter as actividades levadas a cabo nos mesmos un carácter estratéxico para o desenvolvemento do medio rural, tendo en conta que aproximadamente o 50% da produción forestal do estado se extrae dos montes galegos, e ao ser unha importante base
territorial para o desenvolvemento da gandería extensiva.
Programa pioneiro
“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Trátase, segundo explicou Mónica Freire, “ dunha iniciativa pioneira e prioritaria dentro das liñas de traballo que se desenvolven ao longo da lexislatura desde a nosa área de Medio Rural, por contribuír de xeito activo ao fomento do desenvolvemento económico e social, á planificación do territorio provincial, e á fixación de poboación nas zonas rurais”
Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.



















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



