Mondoñedo, 28 de decembro de 2021. A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu esta mañá a entrega de 609 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Sasdónigas, no concello lugués de Mondoñedo, dando así por rematado este proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de case 1,5 millóns de euros.
Esta parcelaria comprende unha superficie dunhas 600 hectáreas e beneficia a 255 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se multiplicaba por cinco. Así, salientou a directora xeral, pasouse dunhas 3.500 parcelas iniciais a 609 fincas resultantes, o que conlevou unha mellora da estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.
Neste senso, Inés Santé puxo en valor estes procesos, que se converten nunha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, a directora sinalou que a día de hoxe quedan 94 procesos abertos, pero que en 56 deles os veciños xa poden facer uso das novas parcelas. Por iso, Santé reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización destas parcelarias, para as cales hai un orzamento en 2022 de 12 millóns de euros.
A entrega de hoxe súmase ás xa realizadas este ano nos concellos coruñeses de Touro, Coristanco, O Pino, Melide, Ferrol, Carral e Cambre; nos lugueses de Riotorto, Castro de Rei, O Valadouro e Abadín, e no ourensá de Baltar. Ademais, entre o ano 2020 e o que levamos de 2021, a Xunta entregou máis de 17.700 títulos de 16 concentracións parcelarias -sumando a de hoxe- que beneficiaron uns 7.350 veciños propietarios.
Novos procesos decretados
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lembrou que a Xunta segue decretando novos procesos de reestruturación, fiel ao seu compromiso de declarar novas parcelarias por cada unha que se vaia rematando. Así, Inés Santé lembrou que este ano se decretaron cinco novos procesos, dous deles no concello de Outeiro de Rei e outros tres nos municipios de Ordes, Friol e Castro de Rei. Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.
Ademais, a través da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia seguiranse impulsando estes procesos á vez que se aposta tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Precisamente, sinalou a directora, onte mesmo saía publicado no Diario Oficial de Galicia a declaración de inicio dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro.
Información xeorreferenciada
Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).
Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria. Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.
Proxecto produtivo
Doutra banda, aproveitando a visita a este concello lugués, a directora xeral e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, inauguraron un edificio para apartamentos turísticos que contou cunha achega de case 188.000 euros do Programa Leader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda. Dita iniciativa contou cunha subvención para financiar a construción de 14 apartamentos cunha capacidade total de 36 prazas, distribuídas en dúas plantas do edificio.
Neste senso, Santé destacou o traballo que realizan estes grupos e a importancia deste programa europeo para levar a cabo diversos proxectos que redundan na mellora da calidade de vida dos habitantes do rural galego, ao implementar servizos que facilitan o seu día a día.






















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



