O Pleno, a proposta do Goberno e cos votos en contra do PP, acordou demandar ao Executivo galego que rectifique a decisión de reducir profesorado en diferentes colexios públicos da provincia como o de Abadín ou o do Incio, que elabore un plan educativo específico para o rural galego e que instaure un sistema universal de gratuidade de libros
Lugo, 26 de xullo de 2023. A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que poña fin aos recortes de persoal na educación pública, que dende que goberna o PP na comunidade autónoma supuxeron a redución de 841 profesoras e profesores, segundo un informe da propia Consellería. Así se acordou tras unha proposta do Goberno no Pleno ordinario do mes de xullo que se celebrou este mércores e que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e os votos en contra do PP.
A Voceira socialista, Pilar García Porto, fixo referencia ao anuario Datos e Cifras da Ensinanza non Universitaria elaborado pola propia Xunta para debuxar a situación que está a vivir a educación pública en Galicia en xeral, e na provincia en particular, porque “as dúas velocidades cara onde camiña a Xunta de Galicia no rural e no urbano fan que o asentamento de poboación nas zonas rurais aínda sexa cada vez máis complicado”.
“A política de abandono do rural galego por parte da Xunta do PP fai que as familias teñan cada vez menos opcións para comezar o seu proxecto vital lonxe das cidades máis grandes e con máis servizos”, denunciou García Porto, quen sinalou que, segundo os datos dese mesmo informe, dos 1.246 centros escolares que había no ano 2008 quedan 1.082, un 13% menos.
A Deputada contrapuxo esta política de recortes coa que tiña en marcha o bipartito de PSdeG e BNG con medidas como a gratuidade dos libros de texto para a educación primaria, unha medida que eliminou Alberto Núñez Feijóo “nada máis entrar no Goberno da Xunta”.
Puxo como exemplo dos “continuos recortes da Xunta do PP en educación” o que sucede nos colexios públicos de Abadín e do Incio. No CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, de Abadín explicou a socialista que “o curso que vén o plantel vaise ver reducido en dous profesores” a pesar de manter o alumnado e de que o centro conta cun 16% de escolares con necesidades educativas especiais o que fai que a situación sexa “máis sangrante”. No caso do concello do Incio, “a Xunta de Galicia vai recortaren tres especialistas para nenos e nenas con necesidades especiais e necesidade de apoio educativo”.
Recortes que segundo expuxo García Porto “leva á comunidade educativa a unha situación moi complicada, xa que supón o agrupamento de varios cursos diferentes nunha mesma aula e cun só docente. Isto significa unha perda de calidade no ensino que van recibir os nenos e nenas”.
Por todo iso, a Deputación de Lugo reclama agora ao Goberno autonómico que rectifique e non recorte o profesorado nestes centros; que instaure un sistema universal de gratuidade de libros de texto para todas as etapas do ensino obrigatorio, semellante ao que estivo en vigor durante os anos do Goberno de Pérez Touriño; que poña en marcha un plan educativo específico para o rural galego que se adapte ás necesidades reais ofertando unha educación pública e de calidade; e que remate coa política de recortes de persoal, garantindo que todos os centros lucenses conten co profesorado necesario para impartir todos os niveis académicos e ciclos formativos antes de que dea comezo o novo curso escolar.
Medidas “urxentes” fronte ás carencias da sanidade pública
A institución provincial tamén reclama á Xunta de Galicia “medidas urxentes para resolver as carencias da sanidade pública na provincia de Lugo”. Así o aprobou tamén o Pleno da Deputación, a iniciativa do grupo socialista, cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.
García Porto expuxo que “a xestión de Feijóo, e agora de Rueda, traduciuse nun recorte de preto de 1.100 postos de traballo en Atención Primaria en toda Galicia, o peche de centros de saúde de Castro, Parga, Castro de Rei e agora tamén o de Nadela, en Lugo, que leva sen abrir todo o mes de xullo e descoñecemos a data de reapertura”. Na súa argumentación, a socialista denunciou que o PP “leva anos tratando aos lucenses como cidadáns de segunda” e que, “se non chega a ser pola presión da cidadanía e dos socialistas a través das históricas mobilizacións nas rúas, non teríamos o servizo de hemodinámica as 24 horas, nin radioloxía, nin medicina nuclear no HULA”.
A Xunta, subliñou a Deputada, “non cubre as xubilacións, nin as baixas, nin as vacacións do persoal sanitario, o que converte o verán nunha época de alto risco para a saúde dos galegos e das galegas”, tendo en conta ademais que nestes meses aumenta a poboación.
Defendeu que a pesar dos esforzos investidores do Goberno central de Pedro Sánchez para tratar de reforzar a atención primaria e a asistencia sanitaria, “con 37,8M€ extras para Galicia, o Partido Popular de Feijóo e Rueda deixou sen convocar 151 prazas MIR de médicos de familia, recortou 900 camas hospitalarias e precarizou as condicións laborais dos profesionais sanitarios”.
Un “maltrato constante” no caso da provincia de Lugo, onde a voceira socialista apuntou que a Xunta pechou este verán 144 camas: 68 no HULA, 38 no Hospital de Monforte de Lemos e outras 38 no Hospital da Mariña.
Entre as medidas que a Deputación de Lugo esixe á Xunta está a convocatoria extraordinaria de especialistas en medicina de familia; a dotación de persoal suficiente para dar cobertura ás baixas, xubilacións e vacacións; abrir un proceso de diálogo cos profesionais do sistema sanitario; ou que convoque todas as prazas MIR que ten á súa disposición.
Tribunal Administrativo de Asuntos Contractuais da provincia de Lugo
Outro dos asuntos que saíu adiante na sesión plenaria desta mañá foi o primeiro paso para que a Deputación cree un Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da provincia de Lugo. Un órgano especializado e funcionalmente independente para resolver os recursos especiais en materia de contratación co obxectivo de ofrecer un mellor servizo aos diferentes concellos da provincia, gañando en eficacia e eficiencia.
Cambio de titularidade da LU-P-0202
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou tamén a proposta relativa á solicitude do Concello de Alfoz para o cambio de titularidade dun tramo da LU-P-0202, que é a que conecta San Mamede con San Acisclo. En concreto, a Deputación cederá gratuitamente o treito comprendido entre a intersección coa estrada autonómica LU-160 ata o cruce do campo de fútbol.

















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



