A Mariña, 27 de setembro de 2023. O 7 de outubro arrinca a cuarta edición deste programa de outono de visitas e rutas guiadas en torno á cultura e natureza da Mariña Lucense, A Mariña en ruta, proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Ata finais de novembro desenvolveranse 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca terá un papel destacado. Será durante as fins de semana e tamén os festivos 12 de outubro e 1 de novembro. O acto de presentación tivo lugar este mediodía no Cenima, en Foz.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, subliñou que “tras o éxito de A Mariña en Ruta nos anos 2020, 2021 e 2022 con máis de 700 participantes nas 3 edicións celebradas, o proxecto pretende continuar neste 2023 dando a coñecer a riqueza natural e cultural dos diferentes municipios do xeodestino a través da organización de diferentes visitas e rutas guiadas da man de axentes e guías de turismo locais onde a artesanía terá un protagonismo especial. Será a través dos obradoiros que reciben visitas das Rutas de Artesanía. A continuidade deste programa afianza a figura destes axentes e guías de turismo locais así como a calidade e diversidade de opcións de ecoturismo existentes na Mariña Lucense fóra da tempada de verán”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “esta cuarta edición, que conta para o seu desenvolvemento, coordinación e execución coa colaboración da empresa de turismo activo e axencia de viaxes Volta Montana, e que como novidade, co fin de aunar e coordinar esforzos, conta tamén coa programación de visitas aos obradoiros artesáns do territorio, supón a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía, a artesanía, etc… da Mariña Lucense a través de 16 actividades polos 16 concellos que conforman o xeodestino”.
E indicou que “o proxecto ofrece propostas diferenciadoras, diversas e inclusivas, presentándose como un escaparate ideal para gozar con maior intensidade dos recursos da Mariña Lucense, visitando o noso patrimonio da man de expertos anfitrións, guías locais e experimentados no territorio”.
Éxito da pasada edición
Fran Cajoto aludiu ao éxito da terceira edición deste programa de visitas e rutas guiadas pola Mariña: “o ano pasado A Mariña en ruta contou de novo con moi boa acollida. Durante os meses de outubro e novembro gozaron desta proposta mais de 140 persoas, cubríndose aproximadamente o 80% das prazas dispoñibles. O 100% dos enquisados trasladáronnos que o programa debería ter continuidade no tempo, xa que dinamiza a oferta cultural da Mariña Lucense e que recomendarían a experiencia a outras persoas. A valoración xeral da iniciativa foi de 9,5 sobre un máximo de dez e os guías -peza fundamental da proposta- foron tamén moi ben valorados cun 8,9 sobre 10”.
E lembrou que “as procedencias dos participantes foi principalmente da provincia de Lugo (74,5%), con participación tamén de visitantes da Coruña (12%) e Asturias (8%). A idade media foi de 48 anos e houbo unha maior presenza feminina (65%)”.
O presidente da Mancomunidade manifestou que “co elevado nivel de resposta obtido ao programa e os datos de avaliación tan positivos, seguimos apostando por este proxecto neste 2023 con algunha novidade co fin de sumar esforzos e presentar propostas novidosas, dando unha nova oportunidade á xente que se quedou sen desfrutar do noso territorio deste xeito tan especial”.
A Mariña en Ruta desenvolverase as fins de semana de outubro e novembro así coma os festivos 12 de outubro e 1 de novembro. As actividades terán unha duración de 2 a 4 horas e poderán participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta .
Rutas do mes de outubro
1. Sábado 7 – O río Sor e a natureza agochada nos seus meandros, O Vicedo. Con Boris Vilar.
2. Xoves 12 – San Miguel de Reinante: comercio, indianos e fidalgos, Barreiros. Con Sofía López.
3. Sábado 14 – Riotorto, terra de ferreiros. Con Boris Vilar.
4. Domingo 15 – Segredos e Lendas en Foz. Con Carmen Delia Díaz, La Guiateca e o artesán Daniel Caxigueiro.
5. Sábado 21 – Trabada, viaxe ao pasado pola Fraga da Becerreira. Guía pendente de confirmar.
6. Sábado 28 – San Cibrao e o seu mar, Cervo. Con Noela Feal.
7. Domingo 29 – Ruta dos Fornos e Mina Consuelo, A Pontenova. Con Tirolina das Minas e o Ferreiro artesán Rodil.
As actividades do mes de novembro daranse a coñecer en próximos días.
“Outra novidade desta edición é que os ingresos derivados do custe simbólico das actividades irán dedicados a accións vinculadas a contribuír aos obxectivos de sostibilidade e previr, mitigar ou compensar a pegada ecolóxica que poda supoñer este programa”, subliñou Tania Hermida.
No acto celebrado no Cenima tomou tamén a palabra a xefa da Área de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez, e asistiron representantes dos Concellos de Viveiro, de Cervo, e do Valadouro, así como algunhas das guías que participan neste programa.






















En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



