Sexpiertos, recoñecida co Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción, e que conta con Telmo Irureta -Mellor Actor Revelación nos Premios Goya 2023- como protagonista, poderase ver o venres 13 en Viveiro e o sábado 14 no marco da 32ª edición do FIOT de Carballo
A Mariña, 9 de outubro de 2023. Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que celebra este ano a súa quinta edición entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, achegará esta fin de semana novas funcións do seu programa de exhibición e encontros co publico ás localidades de Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín. Do venres 13 ao domingo 15, a veciñanza destes municipios poderá gozar coas representacións de Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa, Misery, da asturiana Saltantes Teatro, ou de Circus Magníficus, da cántabra Malabaracirco.
Un dos pratos fortes do circuíto de funcións do nomeado Itinerario Constelacións é o espectáculo Sexpiertos, da compañía vasca Tantakka Teatroa, unha peza que obtivo o Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción. O protagonista e cocreador é Telmo Irureta, quen acadou o Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación. Na peza interpreta a Nico, un xornalista con parálise cerebral. Sobre o escenario, con Ana (Miren Arrieta), unha vendedora de caramelos sumida en múltiples contradicións, explicarán sen complexos as súas vivencias afectivo sexuais para amosar que todas e todos nós temos diferentes medios, soños e ilusións.
Sexpiertos contará esta fin de semana cunha dobre función en Galicia. Por unha banda, o venres 13 estará na mariña lucense, concretamente, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (20.30 horas). Ao día seguinte, o elenco viaxará ata Carballo, para presentar a súa proposta no marco do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Cómpre salientar que a 32ª edición do FIOT foi elixida este ano como a iniciativa cultural galega da liña de programación Vieiros, e que pon en valor o proxecto noutros territorios participantes do CEN (Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra).
O sábado 14, a actividade de Camiño Escena Norte centrarase na Costa da Morte. Ademais da representación de Sexpiertos no Pazo da Cultura de Carballo (20.30 horas), na que haberá un encontro ao finalizar co público, CEN chegará ata Vimianzo para presentar Misery, a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de terror homónima de Stephen King. Considerada unha proposta de culto no eido do terror psicolóxico, a peza será interpretada pola compañía asturiana Saltantes Teatro. Ao remate da función (que terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 20.30 horas), celebrarase un encontro co público que contará coa mediación de Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro e presidente de Escena Galega.
A última proposta para esta fin de semana chegará da man da compañía cántabra Malabaracirco, cunha ampla traxectoria en festivais e encontros de Europa, África e América, e responsables da xestión e coordinación da Escola Municipal de Circo e Teatro Físico de Torrelavega. Trátase do espectáculo Circus Magníficus, unha divertida peza na que unha singular troupe, liderada por Giuseppe Morosso, sorprenderá ao público ao combinar malabares, maxia, equilibrismo, funambulismo e, moi especialmente, altas doses de humor. A cita será o domingo 15, a partir das 18:00 horas, na Praza do Camiño de Portomarín.
AXENDA CEN 2023 | VENRES 13, SÁBADO 14 E DOMINGO 15
13/10/2023 | 20.30 horas. Teatro Pastor Díaz, Viveiro.
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)
Público adulto | Reserva de entradas no teléfono 982560162 e no correo rbg.cultura@viveiro.es, de luns a xoves, en horario de 09.00 a 14.00 horas e a partir das 19.30h. na billeteira do teatro o día da función.
14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio Pazo da Cultura, Carballo.
Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi)
Público adulto | Venda de entradas na web do FIOT, www.fiot.gal. Encontro co público ao remate. Acompaña: Gustavo del Río (Os Náufragos Teatro).
Din que o corazón de Ana é un dormitorio baleiro. Nico quere tatuar o seu. Están atrapados nun ascensor e van pasar de seren descoñecidos a amigos. Ben, isto pasou hai tres anos, pero viaxando ao pasado, viviremos no presente o que nos veñan contar. O amor, o sexo, a soidade e os prexuízos da xente serán os temas a tratar. Unha historia de dous amigos, unha historia de crecemento persoal tinguida de humor e dor a partes iguales.
14/10/2023 | 20.30 horas. Auditorio da Casa de Cultura, Vimianzo.
Misery, de Saltantes Teatro (Asturias)
Público adulto | Venda de entradas en www.woutick.es. Prezo: 5 € Encontro co público ao rematar. Acompaña: Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)
Misery é a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de Stephen King do mesmo nome. Paul Sheldon, un célebre escritor de novelas románticas, sofre un grave accidente mentres conduce no medio dunha tormenta de neve. Pouco despois esperta na casa de Annie Wilkes, a muller que o rescatou. Por sorte para el, ela é enfermeira, así que, ademais de lle ofrecer refuxio durante a tormenta, axúdao coa recuperación das súas feridas. Ela confesa ser a maior admiradora da saga de novelas de Misery Chastain, creada por Paul. Pero tras pasar uns días na casa, Paul comeza a preguntarse se está a salvo con Annie.
15/10/2023 | 18:00. Horas. Praza do Camiño, Portomarín (en caso de choiva, a función terá lugar no polideportivo municipal).
Circus Magníficus, de Malabaracirco (Cantabria)
Público infantil e familiar | Entrada libre ata completar capacidade
O gran Giuseppe Morosso chegou na súa caravana para sorprender a pequenos e grandes coa súa trouppe de circo. Esta creación pon en escena, ao máis puro estilo cabaret, un espectáculo que combina malabares, maxia, equilibrios, funambulismo e altas doses de humor. Unha obra destinada a público familiar, que nos achega as grandes proezas do circo, o máis difícil aínda, desta insólita equipa formada polo pallaso Americo Liflor, o robot funámbulo analóxico ZX81, e o equilibrista Kenny Bell.






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



