A Mariña, 25 de xuño de 2024. En Viveiro foron presentados o Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña e o Colectivo de Gastronomía da Mariña, xurdidos ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística xestionado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, dixo que “o Plan Director de Turismo Gastronómico na Mariña é un proxecto que xurde no contexto do Plan de Sostibilidade Turística xestionado pola Mancomunidad de Concellos e cofinanciado pola Xunta de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e pola propia entidade coa colaboración tamén da Deputación de Lugo”.
López contou que “con este acto, que celebramos hoxe en Viveiro, pretendemos darlle visibilidade ao traballo realizado nos últimos meses no ámbito do impulso e promoción do turismo gastronómico na Mariña. Un destino, que pola súa potencialidade aspira a destacar dentro do turismo gastronómico en Galicia cunha proposta máis competitiva, asociada a valores como o respecto pola cultural local, a tradición, a autenticidade e a sostibilidade”.
A presidenta da Mancomunidade subliñou que “este Plan de Turismo Gastronómico da Mariña ten por obxecto propoñer unha estratexia ben definida e consensuada para o turismo gastronómico no destino e que aportará ferramentas para avanzar de cara ao fortalecemento e integración do valor da nosa gastronomía no turismo do territorio. Un valor esencial que forma parte da cultura e identidade da Mariña e que ademais suma argumentos sólidos para motivar desprazamentos a un perfil de viaxeiro sensible cun turismo máis sostible e que está disposto a viaxar en diferentes momentos do ano”.
Desde a Mancomunidade informaron que a estratexia de turismo gastronómico da Mariña concrétase en cinco liñas de traballo que teñen por obxecto configurar a folla de ruta do turismo gastronómico no destino: Patrimonio gastronómico e liderazgo, Gobernanza e gastrodiplomacia; Sostibilidade, innovación e talento; Produtos e experiencias de turismo gastronómico e, por último, Marketing, comunicación e comercialización. Así mesmo, estas áreas configuran un plan de traballo que se articula en 22 proxectos para poñer en marcha no destino ao longo dos próximos anos e a medida que sexa posible.
Entre estas actuacións propostas atópase a creación e impulso do colectivo de gastronomía que acaba de nacer, a elaboración participada da Declaración da Gastronomía da Mariña que se presentou hoxe, eventos de promoción concretos como a celebración dun simposio de turismo gastronómico, a creación de experiencias e produtos que se agarda abordar proximamente e dun premio que poña en valor proxectos inspiradores.
No contexto de elaboración deste plan xurdiu a creación do Colectivo de Gastronomía da Mariña. “María Teresa Iglesias Basanta (do restaurante Javier Montero) e José Cuadrado Oural (da Cooperativa Terras da Mariña), son a presidenta e o vicepresidente do colectivo, que pretende dar voz aos diferentes axentes da cadea de valor da gastronomía na comarca e que reúne a profesionais que apostan por defender e divulgar o valor do seu traballo, colaborar na súa preservación de cara ao futuro, e enriquecer e preservar a gastronomía como un feito cultural propio e único. Desde produtores vinculados ao mar e a terra, ata cociñeiros/cociñeiras, transformadores, comercializadores, hostaleiros e institucións da Mariña que traballen baixo uns principios de sostibilidade e calidade e que asinarán unha declaración conformada por sete puntos que definen unha visión comprometida coa defensa e promoción dos valores da nosa gastronomía”, engadiu Rocío López.
Desde o Colectivo de Gastronomía da Mariña, que é o primeiro de Galicia que aúna á cadea de valor da gastronomía dun territorio, os seus responsables indicaron que “a existencia dun colectivo de gastronomía da Mariña que se manifeste e practique a posta en valor dos recursos e a cultura propias, que pense en respectar e transmitir as nosas tradicións e protexelas de cara ao futuro, que se preocupe pola sostibilidade, a calidade e innovación e que pense en integrar e colaborar con outras iniciativas locais tamén sensibles con estes valores é un agasallo para calquera territorio e pensamos que pode ter a suficiente entidade e fortaleza para abrir novos camiños e motivar proxectos relevantes e sostibles no tempo”.
Tamén informaron que esta é unha entidade que acaba de nacer e por tanto neste primeiro ano definiranse os pasos a seguir nos próximos meses que basicamente estarán relacionados coa consolidación da estrutura asociativa, a captación de novos socios numerarios, colaboradores e honorarios entre os axentes do sector e as institucións que compartan esta visión sobre unha gastronomía baseada na calidade e sostibilidade, a colaboración e participación en eventos e actividades que permitan visibilizar o colectivo e a gastronomía da Mariña ou a asistencia e colaboración en accións que permitan avanzar na consecución da estratexia de turismo gastronómico da Mariña.
No acto desenvolvido no hotel Ego e no Restaurante Nito, en Area (Viveiro) tamén interviñeron: Jesús Fernández, segundo tenente de alcalde de Viveiro; Iñaki Gaztelumendi e Jorge Guitián, técnicos do equipo redactor do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; e o subdelegado do Goberno acctal en Lugo, Víctor Fraga. Asistiron ademais representantes de Concellos, das Acias, do sector turístico e gastronómico da Mariña, desde produtores a intermediarios e comercios relacionados co turismo gastronómico na Mariña, etc.





















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.


