O biscaíño Andoni Orduzar (1962) ven de se retirar das primarias para a elección de alderdiburu ou presidente da executiva do PNV, o Euskadi Buru Batzar. Canda el retirouse tamén como candidato Markel Olano (1965), que foi deputado xeral de Gipúscoa nos periodos 2007-2011 e 2015-2019 e ven de suceder ao vedraño Joseba Egibar como presidente da executiva gipúscoana (GBB), a que manifesta de xeito expreso unha meirande pulsión soberanista. Fica só na carreira electoral, que rematará en Donostia o domingo 30 de marzo, o actual voceiro do PNV no Congreso, o tamén biscaíño Aitor Esteban (1962) .
Orduzar sucedeu ao tamén biscaíño Iñigo Urkullu (1961) na presidencia do partido no 2013, despois de que este recuperara o Goberno vasco nas eleccións de outubro de 2012. Na estrutura orgánica dos nacionalistas vascos son incompatíbeis cargos orgánicos e institucionais e as persoas que ocupan os primeiros están chamados á fiscalización das persoas que exercen os segundos. Nos primeiros dez anos do seu mandato o PNV recuperou a hexemonía electoral, quer no ámbito autonómico de Euskadi, quer no ámbito local, que perdera entre 2009 e 2012. Tamén garantiu, a medio da súa participación en Geroa Bai, unha posición sobranceira no goberno de Nafarroa. A perda das maiorías absolutas no Congreso na fin do 2015 multiplicou o valor estratéxico dos seus votos, que foron fulcrais para a elección de Pedro Sánchez ao aprobaren a moción de censura presentada polo PSOE en maio de 2018. Poucos días despois, no decurso dunha conversa na Coruña cun pequeno grupo de directivos empresariais galegos, Aitor Esteban explicou o apoio do PNV á censura, dende o relato dunha enxurrada de acordos de moitas das súas xuntas municipais a prol da remuda na Moncloa, que determinou desbotar de vez as dúbidas iniciais, nomeadamente importantes na contorna do lehendakari Urkullu.
O ciclo electoral positivo, porén, deu sinais de esgotamento nas eleccións locais de 2023, nas que EH Bildu desprazou PNV do podio en número de concelleiros e de concellos nos que foi a forza máis votada. Xa que logo, Orduzar deseñou ás presas unha operación non moi xeitosa de substitución de Urkullu como candidato á lehendakaritza por Imanol Pradales que sorprendeu en xeral e anoxou ao entón lehendakari. Nas eleccións vascas de marzo de 2024 o PNV (34,82% dos votos-39% e 31/75 escanos nas anteriores de 2020-) e EH Bildu (32,13% dos votos-27,56% e 21escanos no 2020-) empataban a 27/75 escanos, malia que en último de contas Pradales puido formar goberno co PSE. Porén, EH-Bildu ficaba ás portas.
En setembro abriuse un ciclo congresual no PNV que rematará o devandito 30 de marzo. E acordouse continuar nos níveis orgánicos o anovamento desenvolvido nos níveis institucionais municipal, foral e autonómico. Egibar cedeu o seu posto no GBB a Olano e Itxaso Atutxa (1967), dona de Esteban, cedeu o seu posto na executiva biscaíña (GBB). Tamén houbo remuda en Araba. Nas devanditas circunstancias constituía unha idea xeralmente espallada que a remuda tamén habería chegar á presidencia do EBB (mesmo considerando probábel unha candidatura de consenso de Itxaso Atutxa) até que a mediados de xaneiro Orduzar manifestou que presentaría a súa candidatura. Acción esta que motivou axiña a presentación das candidaturas de Aitor Esteban e do gipuscoano Markel Olano, canda outras de militantes de base.
Só as de Orduzar, Esteban e Olano pasaron a primeira peneira (gañar en polo menos en 3 sedes ou batzokis). Orduzar gañaba en 110, Esteban en 70 (espalladas en Biscaia e Guipuscoa) e Olano en 30. A influencia de Itxaso Atutxa na estrutura biscaína salientaba as grandes probabilidades de que gañase Esteban na segunda volta, ao tempo que ficaba claro o rol arbitral que podería xogar o guipuscoano Olano. Mais xurdía con forza, tamén, a posibilidade dunha fenda na propia Biscaia, primeiro territorio do partido no que segue a manter unha nidia hexemonía.
Impúxose, pois, coa aceptación de Esteban como único candidato, un sentido patriota da responsabilidade entre políticos que partillan biografía, xeración, sensibilidade social e estratexia nacional, agora afastados por comportamentos puntuais, mais de consecuencias sensíbeis. Como di un dos principais antigos dirixentes do PNV, Iñaki Anasagasti ( que ocupou o actual posto de Esteban en Madrid entre 1986 e 2004) “…non existen entre Esteban e Orduzar discrepancias ideolóxicas. Esteban é a renovación do partido controlada e coñecida, que xurde dunha necesidade de reactivación. A remuda non afectará as políticas en Euskadi nin en Madrid”.
A Esteban agárdalle pilotar unha nova xeira na que terá que obter de Sánchez as prometidas competencias estatutarias pendentes de traspaso dende 1980!!, así como aquelar o partido ás transformacións sociais, ás demandas das novas xeracións e aos retos xeopolíticos no nível estatal e europeo. Aquelar aos tempos un soberanismo transversal, democrático e social, que dende o binomio identidade nacional e pragmatismo sexa quen de xerar benestar e desenvolvemento sostíbel en tempos de remudas disruptivas e graves perigos para a convivencia democrática.





















En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



