Foz, 23 de abril de 2025. Acia Foz-CCA sorteará 500 euros en vales de compra na súa campaña do día da nai, que se desenvolverá entre o 25 de abril e o 8 de maio.
Todas aquelas persoas que realicen as súas compras nos comercios asociados nesas datas entrarán no sorteo de 5 premios de 100 euros en vales de compra cada un. O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, explica que “poderán participar no sorteo aquelas persoas que realicen compras entre o 25 de abril e o 8 de maio por importe superior aos 10 euros”.
O sorteo terá lugar o 12 de maio en directo a través da emisora local Radio Foz.
Paleo anima “a realizar as compras desta tradicional data no comercio local. En Foz podemos atopar todo o que precisamos para agasallar ás mamás polo seu día. Hai moitos negocios aos que podemos acudir para sorprendelas”. E lembra que “tamén toca festexalo coa familia na hostalería local. Contamos cun sector da restauración moi importante, disposto a sorprendernos coas súas propostas gastronómicas nunha celebración tan especial coma o día da nai”.
Acia Foz-CCA conta coa colaboración do Concello de Foz e da Xunta de Galicia para a campaña do día da nai.