A subdelegada presidiu a Xunta coa participación dos distintos axentes dos corpos e forzas que colaboran na seguridade dos festexos, que rematarán o vindeiro 3 de xuño
Lugo, 26 de maio de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe no Concello de Burela a Xunta Local de Seguridade co fin de coordinar as medidas necesarias para garantir o correcto desenvolvemento das festas patronais que están a celebrarse ata o martes 3 de xuño, así como doutros eventos previstos durante o verán.
Durante a reunión, na que estivo presente a alcaldesa e representantes da Garda Civil, subsector de Tráfico, Emerxencias e Policía Local, así como membros do goberno municipal, tamén se abordou a situación de seguridade cidadá, confirmando que no 2024 mantívose unha baixa taxa de criminalidade, cunha media de 27,65 delitos por cada 1.000 habitantes.
Ademais, dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas impartíronse, coa colaboración da Garda Civil, 38 conferencias nos colexios do municipio sobre ciberacoso, violencia machista ou adicións.
No relativo á violencia de xénero, a cifra de denuncias durante o 2024 en Burela foi de 9, e actualmente hai 32 casos activos rexistrados no concello dentro do sistema VioGén.
Isabel Rodríguez destacou o firme compromiso do Goberno de España co desenvolvemento de políticas de igualdade e o impulso da loita colectiva contra a violencia de xénero.
A subdelegada agradeceu o labor das forzas e corpos polo seu compromiso coa seguridade cidadá e destacou o traballo do Concello na promoción de festas e actividades que poñen en valor o patrimonio cultural da provincia.