Burela, 30 de maio, 2025. O conxunto feminino do Burela FS comeza mañá as semifinais do play off polo título da Primeira Iberdrola FS recibindo ao Futsi Atlético Navalcarnero (Vista Alegre, 12:30 horas, Teledeporte). As discípulas de Julio Delgado loitan polo seu sétimo entorchado, que convertería ao club burelés na entidade con máis trofeos ligueiros, superando os seis cos que iguala agora mesmo con Futsi Atlético Navalcarnero e Femesala Elche. A outra eliminatoria que dá acceso á final tamén arrinca este sábado, coa visita do STV Roldán á cancha do Melilla Ciudad del Deporte Torreblanca (Javier Imbroda, 17.30 horas, RFEF TV).
O cadro laranxa encara a semifinal despois de dous meses brillantes, nos que conquistou a Copa Galicia, a Copa da Raíña e enlazou seis vitorias consecutivas para terminar superando ao Futsi na táboa e finalizar segundo na liga regular. “Son moitos meses de competición, fixemos unha liga bastante regular e polo medio conseguimos eses dous títulos, que sempre dan un pouquiño máis de forza. Afrontamos este play off como sempre. Loitamos durante tantos meses para chegar con estas opcións aquí e a verdade é que o equipo está bastante ben, ultimamente está a traballar moi ben e chegamos con toda a confianza para afrontar este primeiro partido da semifinal”, valora Julio Delgado.
O técnico salmantino non se fía dun Futsi que sufriu dúas picadas -empate en Roldán e derrota na Estación ante Melilla- nas tres últimas xornadas ligueiras. “Aínda que perderon o factor cancha nos últimos partidos, sempre vai ser un equipo moi competitivo. Lévao sendo estes últimos anos e espérome un partido a cara de can. Sexa o primeiro, o segundo ou o terceiro da serie, este tipo de encontros sempre van ser moi disputados e moi diferentes aos da liga”, analiza.
No conxunto atlético foi baixa no tramo decisivo María Sanz e parece que as de Joan Linares están a acusar a ausencia da zaragozana. “Tivo moito protagonismo durante as últimas tempadas e nesta estaba a ser moi regular, facendo goles e claro que a falta dunha xogadora así se vai a notar, pero, como digo sempre, os equipos grandes traballan para que este tipo de circunstancias non lles afecten e seguro que outras ocuparán o seu espazo”, anticipa.
Na competición regular, o Futsi derrotou nos dous choques ao conxunto mariñao – por 6-2 na Estación e 1-2 en Vista Alegre-, pero Delgado asegura que non encaran esta serie cunha espiña cravada. “Sempre temos ganas de gañar todos os partidos. Neste caso perdemos os dous partidos contra Futsi na liga regular, pero o noso obxectivo era estar aí arriba. Non puidemos ocupar a primeira praza, alcanzamos a segunda e non é cuestión de desquite nin nada. Agora sabemos que empeza outra liga ao mellor de tres na semifinal e enfocámolo así”, asegura o preparador das Pícaras.
Reedición da final do curso pasado
Burela e Futsi rememoran nesta semifinal a final do pasado curso, pero nesta ocasión por un leve cambio no formato decidirase en menos días, polo que Julio Delgado recoñece que o primeiro partido da serie aínda adquire máis importancia. O curso pasado as guerreiras laranxas caían no primeiro partido da semifinal en Vista Alegre nos penaltis, logo de igualar a tres tantos, e víanse obrigadas a vencer na Estación (2-4) e de novo en Burela (4-0) para coroarse campioas. “Este ano concéntrase todo máis ao xogar sábado, martes e sábado, pero xa o vimos o ano pasado. Caemos derrotadas aquí no primeiro partido e logo fomos capaces de remontar. Esperamos que agora este primeiro partido quede aquí na casa, porque che dá moitísima tranquilidade de cara ao segundo. É moi importante o primeiro partido porque, queiras ou non, marca moitísimo a eliminatoria, pero creo que serán partidos moi diferentes, que se deciden en pequenos detalles e creo que o que máis concentrado estea terá moito ganado. Iremos o máis forte posible no primeiro partido, sobre todo para ir máis tranquilas ao segundo”, sinala o estratega laranxa.
Finalmente, Julio Delgado dirixiuse á afección. “A mensaxe é a de sempre. Levamos moitos anos aí arriba, traballando, gozando, loitando uns por outros, eles por nós e nós por eles, para ao final ter opcións destes títulos e de poñer o nome do club e de Burela no máis alto a nivel nacional. A mensaxe que lles envío é que, aínda que estamos en festas, que veñan apoiarnos, que imos dalo todo como sempre e que acaba de empezar o play off e que esperemos que nos vexamos de volta con eles a final de xuño”, conclúe Julio Delgado.
Convocatoria
O preparador de Salamanca poderá contar co plantel ao completo para este primeiro duelo, coa ausencia xa coñecida de Irene Samper. Os encargados de impartir xustiza serán os castelán-leoneses Paula Álvarez e Sergio Toral.