Remarca que ante a falta de médicos que afecta a todo o Estado, a Xunta adoptou medidas para facer máis atractivas as prazas de difícil cobertura, como son as dos hospitais comarcais
Burela, 9 de maio de 2025. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, comprometeu medidas para seguir reforzando a asistencia sanitaria no Hospital Público da Mariña con máis persoal.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado polo delegado territorial en Lugo, Javier Arias; do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva; e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, mantivo reunións de traballo cos xefes de servizo do Hospital da Mariña e coa xunta de persoal.
Tal e como destacou o conselleiro, a súa intención con estas xuntanzas é escoitar as demandas e propostas dos profesionais e dos representantes dos traballadores, así como explicarlles o traballo que está a realizar para incrementar os recursos cos que conta este hospital para atender á cidadanía cos máximos estándares de calidade.
Gómez Caamaño incidiu no problema de falta de médicos que afecta a todo o Sistema Nacional de Saúde, que se agudiza aínda máis no caso dos hospitais comarcais, onde a dificultade para cubrir as prazas vacantes é maior.
Ao respecto, desde a Xunta adoptáronse medidas para facer máis atractivas estas prazas. Na actualidade, hai procesos en marcha para cubrir 17 prazas de especialista neste hospital.
Nestes momentos estase coa resolución da oferta pública de emprego e do concurso de méritos, que xa melloraron moito a situación no último mes e que se espera mellorar máis coas incorporacións pendentes e coa segunda volta do concurso de difícil cobertura.
O conselleiro lembrou que desde o ano 2010 o Hospital Público da Mariña aumentou o seu cadro de persoal en 154 profesionais, o que supón máis dun 28 % de incremento.
Reforzo de profesionais
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde incidiu nos reforzos que se están realizando no Hospital da Mariña.
Explicou que en medicina interna se teñen contratado tres profesionais que dan apoio nas gardas, garantindo a continuidade asistencial.
Ademais, estase a priorizar a atención aos pacientes en función da súa patoloxía e da súa gravidade.
Gómez Caamaño detallou que profesionais do Hospital Universitario de Lugo, do de Monforte de Lemos e do da Coruña se están a desprazar á Mariña para reforzar os distintos servizos hospitalarios, tanto en gardas como en consultas.
Así mesmo, estes hospitais están a apoiar a xestión de mostras, informes de biopsias ou consultas especializadas.
Especialmente importante é o esforzo que se está a facer en urxencias, garantindo todas as presenzas e unha atención continuada de calidade, grazas ao programa de apoio especial no que participan profesionais do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Gómez Caamaño remarcou que as derivacións de pacientes do Hospital da Mariña son as mínimas imprescindibles, están sempre indicadas polo facultativo baseándose na seguridade dos pacientes e sitúanse en 2 á semana de media.
Todo este operativo que explicou hoxe o conselleiro forma parte dun modelo de xestión conxunta, onde os hospitais comarcais contan con soporte continuo dos centros de referencia para garantir a equidade na asistencia.
O pasado ano o Hospital Público da Mariña levou a cabo preto de 5.400 intervencións cirúrxicas, o que supón 233 máis que o anterior, e cunha espera media máis baixa que a galega, só de 45,9 días.
Ademais, o hospital atendeu case 107.000 consultas en 2024.

























Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



