Lugo, 19 de maio de 2025. Ante as declaracións do Partido Popular sobre o cobro dunha intervención de emerxencia realizada en Santa María Maior (Mondoñedo), a Deputación de Lugo desexa facer as seguintes aclaracións:
1. O servizo de bombeiros é xestionado polo Consorcio Provincial, non pola Deputación
O cobro do servizo non é unha decisión da Deputación de Lugo, senón unha práctica ordinaria do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Lugo, entidade compartida ao 50% coa Xunta de Galicia. Este cobro responde aos custes dun servizo prestado nunha propiedade privada, segundo ordenanzas aprobadas e vixentes, non é un acto político nin excepcional.
2. A Deputación non é responsable da inundación, senón parte damnificada
As causas da inundación poden estar vinculadas a obras da Xunta de Galicia de drenaxe na súa estrada autonómica e á construción dun parque eólico que modificou os caudais naturais de auga, canalizándoos cara ao núcleo de Santa María Maior. A rede de drenaxe da Deputación foi superada por un caudal que non lle corresponde asumir nin está deseñado para iso, e a súa propia infraestrutura resultou danada, polo que a institución é tamén afectada, non causante.
3. A Deputación disposta a colaborar, pese a non ser a súa competencia
Dende hai case unha década, a Deputación amosouse disposta a colaborar a pesar de que non era a súa competencia, porque a primeira rotura produciuse fóra do dominio público da vía provincial, no tramo anterior ao paso baixo dunha vivenda onde presumiblemente puido haber algunha instalación que precisase de recursos hídricos.
O Concello de Mondoñedo e Augas de Galicia están ao tanto desta problemática desde hai anos, porque a Deputación leva advertindo da situación e realizáronse varias visitas conxuntas para atopar a solución ao problema. A situación non é nova, e non pode ser tratada como unha sorpresa por quen a coñece ben e tivo nas súas mans a capacidade de actuar durante anos, porque este é un cauce competencia de Augas de Galicia.
A Deputación de Lugo quere deixar claro que a información difundida polo PP de Lugo é unha manipulación e unha mentira. Os veciños e veciñas de Mondoñedo merecen responsabilidade, coordinación e solucións reais. Non merecen que se lles engane nin que se utilicen os seus problemas para facer política.