Ribadeo, 18 de xuño de 2025. A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue ven de presentar en Ribadeo a súa campaña de verán Non esquezas doar antes de veranear, na que fai unha chamada á cidadanía para que doe sangue na época estival.
Desde ADOS lembran que “do 15 de xuño ao 15 de setembro precisamos en Galicia 27.000 doazóns de sangue para poder satisfacer todas as necesidades dos nosos hospitais. Esta é a época de maior dificultade para acadar esas cifras, por iso se pon en marcha esta campaña informativa especial para sensibilizar sobre a importancia deste acto solidario”.
Un folleto, un vídeo e a presenza de mensaxes na web de ADOS e nas súas redes sociais conforman esta campaña especial de verán, segundo explicou en Ribadeo Ana de Santiago, de ADOS.
O alcalde, Dani Vega, agarda que “as veciñas e os veciños de Ribadeo se acheguen a doar sangue no momento no que teñamos aquí na unidade móbil de ADOS. É moi importante que todas as persoas que poidan doar sangue o fagan, porque calquera de nós pode precisar sangue nalgún momento. Agora ademais a poboación en Ribadeo e nesta comarca increméntase de forma considerable e temos que estar preparados”.
A unidade móbil de ADOS estará en Ribadeo, ao carón da antiga Oficina de Turismo, o vindeiro luns, 23 de xuño, de 10:30 a 14:15 e de 16:30 as 21:00 horas.
O rexedor agradece que ADOS achegase esta campaña especial a Ribadeo #doasanguenoverán