As longametraxes e documentais finalistas dos Mestre Mateo proxectaranse en Meira, A Fonsagrada, A Pobra do Brollon, Foz,Monterroso, Sarria, Taboada e Vilalba
Lugo, 19 de xuño de 2025. O circuíto de cinema galego Ciclo Mestre Mateo arranca a súa cuarta edición na provincia de Lugo grazas ao apoio da área de Cultura da Vicepersidencia da Deputación de Lugo.A deputada de Cultura, Iria Castro, e a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos as novidades desta edición e as localidades da provincia que formarán parte do circuíto.
Os concellos de A Fonsagrada, A Pobra do Brollón, Foz, Meira, Monterroso, Sarria, Taboada e Vilalba proxectarán as producións finalistas nas categorías de longametraxe e documental dos XXIII Premios Mestre Mateo. O Ciclo Mestre Mateo comezará en Lugo o próximo 2 de xullo, no concello de Meira, coa proxección de Honeymoon.
A deputada de Cultura, Iria Castro, apuntou que as institucións “teñen que axudar á industria audiovisual galega”. Castro sinalou que moitas veces o cinema galego non chega a todos os públicos pola falta de salas en moitos concellos: “Por iso é fundamental levar estas proxeccións ás vilas máis pequenas, garantindo que toda a cidadanía, viva onde viva, teña acceso á cultura e ao audiovisual galego”. Tamén lembrou o éxito da edición anterior, tanto en asistencia como en acollida, e puxo en valor a continuidade do ciclo: “O que buscamos, ano tras ano, é consolidar esta dinámica e que a xente saiba que, nalgún momento do ano, o cinema galego chegará á súa vila”.
Pola súa parte, a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, subliñou a importancia de seguir impulsando este tipo de iniciativas: “Para a Academia, é fundamental favorecer a conexión do público co cinema que se produce en Galicia e facilitar o seu acceso, especialmente en localidades onde non hai salas comerciais”. Sobre as obras que forman parte do ciclo, destacou que “é unha oferta plural, diversa e de calidade, pensada para todos os públicos, independentemente de se viven nun entorno urbano ou rural.”
O apoio da Deputación foi clave para o éxito da iniciativa nestes tres anos, nos que máis de 4.500 espectadores de toda a provincia desfrutaron das 164 proxeccións que se levaron a cabo, consolidando ao ciclo como un dos proxectos culturais con maior penetración territorial de toda Galicia. Nesta liña, Lucía Veiga comentou que están “seguros que a calidade das películas seleccionadas e a resposta do público nesta edición 2025 darán continuidade a estes excelentes resultados”.
Este ano forman parte do Ciclo Mestre Mateo as longametraxes As Neves, de Sonia Méndez; Xustiza artificial, de Simón Casal; Honeymoon, de Enrique Otero; + Cuñados, de Luis Avilés; e os documentais Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño; Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca; Aurora, de Area Erina e Prefiro condenarme de Margarita Ledo.
O Ciclo Mestre Mateo, creado pola Academia Galega do Audiovisual en 2022 co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, consolidouse como un proxecto clave para levar o cinema galego de calidade a vilas sen salas comerciais, creando unha rede de exhibición en centros culturais, auditorios e bibliotecas por toda a provincia. O ciclo contribúe a facer accesibles producións destacadas do audiovisual galego, superando as limitacións dos circuítos comerciais e reforzando o vínculo da cidadanía co seu propio cinema e este ano continúa coa súa cuarta edición.