Xove, 14 de xuño de 2025. O PSdeG-PSOE de Xove presentará no vindeiro pleno novos rogos e preguntas centrados nas principais demandas da veciñanza, que abarcan desde a sanidade e os servizos públicos ata a infraestrutura urbana e a situación das praias. Os socialistas insisten na falta de resposta e planificación do Goberno municipal do PP ante cuestións urxentes para o benestar do municipio.
Servizo médico en retroceso: menos médicos e pediatría precaria
A agrupación socialista levará ao pleno un rogo para instar ao goberno local a que esixa á Xunta de Galicia a cobertura inmediata das prazas de médicos de cabeceira que quedaron vacantes no centro de saúde do municipio. “Actualmente, só hai unha médica a maior parte dos días, cando hai poucos anos Xove contaba con tres facultativos”, afirman.
Así mesmo, sinalan que o servizo de pediatría é claramente insuficiente, ao ofrecer só atención tres días á semana e unicamente ata as 10:30h. “Logo pregúntanse por que baixa a natalidade”, engaden.
Melloras pendentes na Urbanización Palmeiro
Nun segundo rogo, o grupo socialista solicitará ao executivo local a mellora urxente de infraestruturas básicas na urbanización Palmeiro, incluíndo a instalación de farolas en accesos e zonas escuras, a reparación dun muro en mal estado e a creación dunha beirarrúa para evitar que os peóns teñan que ir pola estrada.
Vivenda no rural: un reto pendente para frear o despoboamento
O PSdeG preguntará ao goberno local que plans existen para mellorar o acceso á vivenda, tanto en promoción pública como privada, e que medidas se están a impulsar para fomentar a construción e rehabilitación de vivendas no rural. “É un aspecto clave para fixar poboación e darlle vida ás parroquias”, apuntan desde o PSdeG.
“A día de hoxe, non se coñecen iniciativas concretas por parte do executivo local para facer fronte á perda de habitantes nas zonas máis despoboadas do Concello”, declaran. Os socialistas consideran que a falta de planificación urbanística e de incentivos claros para a vivenda no rural é unha oportunidade perdida para o futuro de Xove.
Fontes públicas en mal estado e sen mantemento
Outra das preguntas rexistradas céntrase no abandono das fontes públicas do Concello. A formación socialista reclama unha planificación clara de mantemento, limpeza e posta en valor destes elementos patrimoniais e de uso público, que actualmente presentan un aspecto de desleixo nalgúns puntos do municipio.
Centro de Día: unha promesa que segue sen cumprirse
O grupo socialista tamén pedirá explicacións sobre a situación do Centro de Día para persoas maiores, un servizo esencial para moitas familias que leva anos anunciado e segue sen funcionar. “As cousas de palacio van despacio, pero aquí xa non se move nin unha pedra”.
Un goberno ausente ante os problemas reais
Desde o PSdeG lamentan que “o goberno local siga instalado na inacción mentres os problemas medran. A veciñanza precisa un concello que funcione, que planifique e que se tome en serio o día a día de Xove”, conclúen.