Foz, 10 de xullo de 2025. O Concello de Foz anuncia que a vindeira semana o tradicional mercado dos martes, que se debería celebrar o día 15, muda de data para o venres 18, debido á festas do Carme.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “despois da petición de varios postos de venta ambulante, buscouse unha solución consensuada ante a imposibilidade dun cambio de ubicación para celebrar o mercado o mesmo martes, polas dificultades de mobilidade que presenta ese día o casco urbano. A Policía Local recomendaba non celebrar o mercado o martes debido á ocupación da explanada portuaria, onde se sitúan os postos, polas atraccións e infraestruturas da festa do Carme, ademais de haber obras en distintos puntos do pobo: na mesma explanada portuaria coas instalacións da nova depuradora de auga residuais, a reforma da rúa Irmandiños e ademais a dificultade engadida das limitacións de estacionamento e dos cortes en distintas rúas que se van producir o martes para a elaboración das alfombras florais do Carme”.
O rexedor municipal engade: “vimos o cambio de data como unha alternativa viable e a única posible nestas circunstancias e os vendedores así o entenderon, o que lles agradecemos. Teñen sempre boa disposición co Concello nun mercado semanal que é o máis grande da Mariña e que queremos seguir potenciando pola repercusión tan positiva que ten para os negocios de todo o pobo e tamén como un servizo público indispensable para a veciñanza do o concello”.
Fran Cajoto lamenta “as críticas do principal partido da oposición, precisamente cando o Partido Popular no seu mandato o que facía nestes casos era directamente anular o mercado sen ofrecer ningún tipo de alternativa”.
O alcalde remata remarcando que a vindeira semana o mercado de Foz celebrarase o venres día 18 no horario e na situación habitual, no peirao de Foz.