Ribadeo, 30 de xullo de 2025. Acisa Ribadeo ven de presentar unha nova acción formativa pensada para mellorar a competitividade e a imaxe do comercio local. Trátase de cursos gratuítos de empaquetado e escaparatismo, que terán lugar en setembro e outubro.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anunciou que “baixo o lema Fórmate con Acisa, a asociación organizará durante os meses de setembro e outubro dous cursos gratuítos dirixidos a persoas empresarias e traballadoras dos negocios asociados, centrados no empaquetado e no escaparatismo”. E subliñou que “desde a asociación apostamos pola formación como ferramenta esencial para a mellora do comercio local. Pequenos detalles como un bo empaquetado ou un escaparate atractivo poden marcar a diferenza á hora de atraer e fidelizar á clientela. Queremos un Ribadeo con tendas vivas, coidadas e profesionais para seguir sendo un referente en toda a contorna”.
O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, explicou que “as sesións desenvolveranse na aula da Casa da Cultura de Ribadeo, situada na rúa Viejo Pancho, en horario de tarde de 18:00 a 20:30 horas. O curso de empaquetado contará con dúas clases, que terán lugar os luns 22 de setembro e 6 de outubro. E o curso de escaparatismo será impartido en tres sesións os luns 15 e 29 de setembro e o 13 de outubro”.
Na mesma liña destacou que “o comercio de proximidade está en continua evolución e dende Acisa queremos acompañar aos nosos socios tamén no seu proceso de formación. Estas clases prácticas están pensadas para dar ideas aplicables de forma inmediata, que melloren a experiencia de compra e o atractivo dos locais. A inscrición para participar nestes cursos será gratuíta e deberá formalizarse antes do 5 de setembro enviando un correo electrónico a info@acisaribadeo.es. As persoas interesadas deberán indicar no correo o nome do establecemento asociado, así como o nome e DNI das persoas asistentes, un correo electrónico e un teléfono de contacto Poden participar destes cursos, tanto empresarios coma empregados de empresas asociadas a Acisa”.
Cruzado Iglesias anima a participar na nova oferta formativa de Acisa: “desde Acisa animamos a todo o tecido comercial asociado da vila a participar activamente nesta iniciativa, que busca reforzar a profesionalización do sector e mellorar a imaxe do comercio de Ribadeo de cara tanto á veciñanza, á clientela habitual como aos milleiros de turistas que esta vila recibe ano tras ano. A formación continua é unha das apostas estratéxicas da nosa entidade para garantir un futuro sólido, moderno e atractivo para o comercio local”.