Trabada, 5 de agosto de 2025. A Asociación Cultural O Picato organiza este xoves, 7 de agosto, unha nova edición do Día do Neno/a que terá lugar na pista multideporte de Trabada, en horario de 16:00 a 20:00 horas. A actividade conta coa colaboración do Concello de Trabada e da Xunta de Galicia.
Durante a tarde, as nenas e nenos poderán desfrutar de inchables acuáticos, unha divertida festa da espuma, música ambiente e merenda. A entrada será gratuíta para os socios da asociación organizadora e terá un custe simbólico de 5 euros para non socios. A organización lembra que é necesario levar bañador para participar nas actividades acuáticas.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “actividades coma esta son fundamentais para ofrecer alternativas de lecer saudables e inclusivas á infancia do noso concello, sobre todo durante o verán. Desde o Concello seguimos apoiando con firmeza o traballo das asociacións culturais e clubs locais que, como O Picato, dinamizan a vida comunitaria co seu compromiso e creatividade”.
O Concello de Trabada anima á participación de todas as familias nunha xornada pensada para o desfrute dos máis pequenos, promovendo ao mesmo tempo valores de convivencia e colaboración veciñal.