Trabada, 13 de agosto de 2025. Trabada vivirá os días 14, 15 e 16 de agosto tres intensas xornadas de celebración con motivo das súas festas patronais na honra á Nosa Señora e a San Roque. Música, gastronomía e tradición combinaranse nun programa pensado para todos os públicos, organizado pola comisión de festas coa colaboración do Concello de Trabada.
As festas arrancarán o xoves 14 de agosto cunha gran churrascada popular servida por Catering Sarredo ás 21:30 horas. O menú inclúe entrantes fríos, queixo, empanada, xamón, croquetas, churrasco de porco, criollo, patacas, postre, viño, auga, refresco, café e chupito. O prezo é de 30 € para adultos e 15 € para nenos/as ata 12 anos. Pola noite, a partir das 23:00 horas, a verbena estará a cargo de Aché e Cosmedeejay.
O venres 15 de agosto celebrarase a misa solemne e procesión ás 13:00 horas, seguida dunha sesión vermú co grupo Lume. Pola noite, desde as 22:00 horas, gran verbena con Lume, Acordes e DJ BRF.
O sábado 16 de agosto, último día de festas, repetirase o formato de misa solemne e procesión ás 13:00 horas, con sesión vermú a cargo de Montreal. Pola noite, gran verbena con Montreal, Discomóbil The Sound Project e DJ BRF.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “as festas patronais son un momento clave para o reencontro veciñal, a promoción do noso municipio e a posta en valor das nosas tradicións. Desde o Concello seguimos apoiando con firmeza á comisión organizadora para que cada edición sexa un éxito e unha referencia na comarca”.
Desde o Concello e a comisión de festas anímase a veciñanza e visitantes a gozar destas xornadas que combinan fe, cultura, música e gastronomía, nun ambiente único de convivencia.