Trabada, 23 de setembro de 2025. O Concello de Trabada vén de concluír as obras do proxecto de aforro enerxético na rede de alumeado público, que permitiron substituír as luminarias nos núcleos de Vilar, Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando.
A actuación contou cun investimento total de 51.608,25 euros, dos cales 32.000 € foron achegados a través do Fondo de Compensación Ambiental e os 19.608,25 € restantes foron asumidos con fondos propios municipais.
Este proxecto supón unha mellora importante tanto desde o punto de vista medioambiental como no aforro enerxético e económico, ao tempo que ofrece unha iluminación máis eficiente e moderna para a veciñanza destes cinco núcleos.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “rematamos unha actuación moi necesaria, que vai permitir reducir consumo e custos, avanzar na sustentabilidade e mellorar a calidade da iluminación pública. Desde o Concello seguimos apostando pola modernización dos servizos básicos e pola protección do medio ambiente, con proxectos que benefician a toda a veciñanza”.
Con esta obra, o Concello de Trabada reafirma a súa aposta por infraestruturas máis sostibles e eficientes, que contribúan ao aforro de recursos e á mellora da calidade de vida no municipio.